[09/10/2006] O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), organismo adscrito á Consellería de Cultura e Deporte, definiu por vez primeira en Galicia os distintos segmentos poboacionais e perfís sociodemográficos dos espectadores de teatro galego, ademais dos seus comportamentos, actitudes e hábitos de consumo, como resultado dun traballo de investigación realizado en 21 concellos da Rede Galega de Teatros e Auditorios. O estudo pode descargarse aquí.
A iniciativa partiu da ausencia de información sobre a evolución do sector e da constatada necesidade de dispoñer de datos tanto para a avaliación dos programas en curso como para a posta en marcha de novos proxectos. A investigación comprendeu 503 enquisas realizadas entre xaneiro e maio de 2006 a espectadores maiores de 15 anos, así como o desenvolvemento de 3 grupos de debate.
Entre as conclusións acadadas canto aos caracteres sociodemográficos, queda reflectido que o teatro galego é consumido por un público maioritariamente feminino (64%), cunha idade comprendida entre os 25 e os 54 anos (73%), cun nivel de estudos medio alto (51% titulados universitarios fronte ao 10,7% da poboación; 93% con educación secundaria completada, fronte ao 65% da poboación); e cunha porcentaxe tamén elevada de profesionais e estudantes. Reducindo os datos a un único perfil típico máis representativo, este sería o de muller, duns 35 anos, licenciada universitaria e activa profesionalmente.
MAIOR INTERESE POLO TEATRO EN GALEGO
Do estudo tamén se deriva que a maior preferencia manifestada polos espectadores entre os diferentes tipos de espectáculos ofertados é para os de teatro de actor e os de música. Dos de teatro, o público declara un maior interese polo teatro en galego que polo teatro en castelán.
No que atinxe ao medios para coñecer as programacións, establécese que a canle fundamental é a prensa, sobre todo nas cidades, aínda que nas vilas a publicidade exterior ocupa un lugar importante no xeito de acceder á información. Constátase ademais o potencial de internet como elemento comunicacional (un 75% do público de teatro é usuario da rede, fronte ao 25% da poboación xeral).
Canto algúns dos hábitos de consumo, destaca que o 90% do público está integrado por espectadores habituais (48% máis de dúas veces ao ano e 42% entre dúas e seis veces ao ano). Outras das conclusións complementarias son, por exemplo, que a asistencia concéntrase nos sábados e venres; que até os 35 anos o público acude maioritariamente con amigos -a partir desa idade faino coa parella-; que os espectadores poden chegar a desprazarse até unha media de 17 km para ir ao teatro; e que un 30% asiste ás representacións nun concello distinto ao que reside. Tamén se constata que os principais elementos que determinan a asistencia a unha función son o xénero ou tipo de espectáculo e os actores que participan nela.
LIÑAS A DESENVOLVER
Na aplicación práctica da información obtida, ratifícase a necesidade de incorporar á xestión do IGAEM -dentro das liñas de xeración de mercado no ámbito das artes escénicas- a análise habitual de parámetros de consumo cultural (evolución económica e de emprego), así como de estudos prospectivos periódicos. Outras actuacións a levar a cabo son a ordenación de programacións (por número de espectáculos e períodos de exhibición), a potenciación da imaxe de marca da Rede Galega de Teatros e Auditorios mediante novos instrumentos comunicacionais (catálogo de espectáculos, revista propia, portal web, políticas de fidelización, accións de márketing persoalizadas), así como a potenciación de estratexias compartidas coas compañías teatrais privadas no labor de captación de públicos.
Os resultados deste primeiro estudo complementarase cos dun segundo traballo, que se está a realizar na actualidade, e que consiste unha nova enquisa centrada no nivel de satisfacción do público en relación co conxunto da oferta de espectáculos que contén a Rede Galega de Teatros e Auditorios.