Feira das Artes Escénicas de Galicia






Santiago de Compostela,
do 18 ao 21 de outubro

A Feira Galega das Artes Escénicas regresa fiel ao seu encontro anual co teatro e a danza feitos en Galicia, que atopan aquí a plataforma idónea desde a que expoñer o seu potencial artístico e establecer contactos esenciais para favorecer a súa presenza nas carteleiras da temporada 2010-2011. Esta décimo oitava edición do evento desenvólvese en seis espazos de Santiago de Compostela, concentrando a súa actividade en catro intensas xornadas de exhibición e de negocio, durante as que un total de 21 compañías -18 delas galegas- amosan as súas últimas propostas diante de programadores e axentes culturais chegados de toda Galicia, así como do resto do Estado e de Portugal.

Baixo a organización directa da Agadic, da Consellería de Cultura e Turismo, a Feira bríndalle ao sector un espazo aberto, plural e participativo no que, xunto coa programación artística, promóvese o intercambio comercial desde a zona de mercado, que volve situarse no Auditorio de Galicia. No actual contexto económico, todos os esforzos diríxense a procurar unha maior rendibilidade económica e social da produción escénica galega, buscando consolidar ou mesmo incrementar o nivel de compravenda de espectáculos ao tempo que se incentiva a súa distribución fóra de Galicia a través do programa de bonificacións á contratación exterior.




Español



Axencia Galega das Industrias CulturaisXunta de Galicia