Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

ESTRÉASE O VENRES 14 NO TEATRO CENTRAL DE SEVILLA E VIRÁ AO SALÓN TEATRO NO MES DE DECEMBRO

O CDG colabora co Centro Andaluz de Teatro na obra de Valle-Inclán "La noche de Max Estrella"

[10/10/2011] O Centro Dramático Galego (CDG) colabora co Centro Andaluz de Teatro (CAT) na obra La noche de Max Estrella, que se estrea este venres 14 de outubro no Teatro Central de Sevilla. A colaboración entre as dúas compañías públicas materialízase mediante a participación dos galegos Isaac Garabatos e Pilar Millán como parte do equipo artístico desta proposta escénica e dramatúrxica de Francisco Ortuño, que toma como referencia unha das obras cumio da literatura española do século XX, Luces de Bohemia, de Ramón María del Valle-Inclán.

Imaxe do espectáculo

Realizado no 75 aniversario da morte de Valle-Inclán, o proxecto forma parte dun acordo acadado entre a entidade dependente da Axencia Galega das Industrias Culturais da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia e o centro teatral da Agencia Andaluza de Instituciones Culturales da Consejería de Cultura da Junta de Andalucía, co obxectivo de favorecer o intercambio de experiencias profesionais entre os seus respectivos ámbitos xeográficos. Así, o músico Isaac Garabatos, especialista en harmonía contemporánea, e a pintora e ilustradora Pilar Millán foron os encargados de recrear, respectivamente, o espazo sonoro e o espazo visual da montaxe.

A dramaturxia de La noche de Max Estrella transita por aquelas escenas da obra que inaugurou o esperpento nas que aparece o seu protagonista. O veterano actor Carlos Álvarez-Nóvoa sube en solitario ás táboas para dar vida a este Max Estrella, un poeta cego e fracasado que "conmorrre" nun Madrid absurdo, brillante e famento de principios de mil novecentos. A súa mala estrela deambula errante na súa última deriva nocturna. Errando polas rúas madrileñas, borbotando unhas cantas verdades baixo as luces da bohemia, asistimos a unha parábola tráxica e grotesca da imposibilidade de vivir nun país inxusto.

Impulso estético
A percepción poética de Max é o impulso estético desta proposta teatral. Max vive apresado na súa cegueira, nas súas alucinacións sonoras e as súas iluminacións na sombra. Deste xeito, as fotografías e os vídeos de natureza pictórica, así como as máis de trinta pinturas realizadas en papel feito a man que compoñen o espazo visual realizado por Pilar Millán para a montaxe, tentan reflectir esa atmosfera cargada de crispación, agonía e opresión na que vive o protagonista. Este ambiente parte, non só da mirada da propia creadora, senón tamén da visión do director, do actor e mesmo do autor, quen describe por medio de acotacións o efecto estético e anímico que persegue.

Pola súa banda, dentro do suxestivo espazo sonoro creado por Isaac Garabatos como espello do queixume vital de Max, destacan os efectos sonoros, o tratamento das voces da vintena de actores e actrices que participaron na gravación de escenas e a creación de distintas tensións ou atmosferas sonoras para cada unha das escenas, ademais de temas musicais compostos e gravados especialmente para a produción.

La noche de Max Estrella conta coa dramaturxia e a dirección escénica de Francisco Ortuño Millán, actual director do CAT e profesional de ampla experiencia, non só dirixindo, senón tamén interpretando. No equipo artístico encargado da posta en escena destacan ademais María Puche, como deseñadora do espazo escénico e da iluminación; Carmen de Giles, como creadora do vestiario; e Rafael Abolafia, encargado da dramaturxia visual e sonora e que exerceu tamén de axudante de dirección.

Está previsto que o espectáculo se exhiba no Salón Teatro de Santiago de Compostela a principios de decembro.

Documentación