[04/03/2011] O Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais alcanza este ano a súa vixésima edición, consolidándose como galardón de referencia para a dramaturxia galega, así como o de máis longa traxectoria neste ámbito literario en Galicia. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) acaba de facer pública a súa convocatoria de 2011, xunto coa do VI Manuel María de Literatura Dramática Infantil e o IX Premio Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques (modalidades de público infantil e adulto), para os que mantén aberto o período de admisión de orixinais até o 3 de xuño.
Cada un dos galardóns e modalidades conta cunha dotación económica de 6.000 euros, ademais de contemplar a posibilidade de que as obras sexan publicadas dentro das coleccións dramáticas que a Agadic coedita con distintas empresas galegas. Poderán optar a estes premios, que comparten como obxectivo o estímulo da creación literaria no eido dramático, textos teatrais inéditos escritos en galego e non representados nin premiados noutros certames.
Tal e como establecen as bases publicadas no Diario Oficial de Galicia, que tamén poden ser consultadas a través da web www.agadic.info, o tema e a extensión poderán ser libres, aínda que deberán ter en conta o principio de duración normal dun espectáculo teatral, de xeito que non serán admitidas as obras de teatro breve. No caso do Álvaro Cunqueiro e do Manuel María, quedarán igualmente excluídos os textos para teatro de monicreques.
Xurado
Para a avaliación dos textos constituirase un xurado formado por seis persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e escénico: dous expertos en literatura dramática, dous elixidos entre escritores, dramaturgos, autores e adaptadores, e outros dous entre directores de escena e outros oficios teatrais. Para tomar a súa decisión, que será comunicada antes do 30 de novembro, valorará aspectos que teñen que ver coa calidade literaria e dramática, a viabilidade escénica, a especificidade de cada premio e o coidado da lingua.
Raúl Dans, con Chegamos despois a unha terra gris, foi o gañador da anterior edición do Álvaro Cunqueiro, premio que xa recibira en 1994 e que tamén ten no seu haber unha destacada nómina de dramaturgos en galego: Manuel Lourenzo (2009), Teresa González Costa (2008), Roberto Salgueiro (2007, 2002, 2000 e 1998), Manuel Guede (2006), Rubén Ruibal (2005), Antón Lopo (2004), Siro López (2003), Afonso Becerra de Becerreá (2001), Manoel Riveiro (1993), Andrés A. Vila e Xosé Cid Cabido (1992), Roberto Vidal Bolaño (1991), Agustín Magán (1990) e Euloxio R. Ruibal (1989).
Ademais, en 2010 Xavier Lama recibiu o Manuel María de Literatura Dramática Infantil pola obra Os reloxos preguiceiros de Néboa, mentres que o Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques foi para Xosé A. Neira Cruz por Pedra sobre pedra na modalidade de teatro para adultos, e para Inacio Vilariño por Fábula galénica na de textos para rapaces.