Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

PROXECTARANSE CATRO DOCUMENTAIS EN TOMIÑO E A PELÍCULA "TORERO" EN VILA NOVA DA CERVEIRA

A Agadic patrocina a través de CREATIVA unha reprospectiva do realizador Carlos Velo dentro do festival Filminho

[24/09/2010] A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo patrocina a través do programa europeo CREATIVA a retrospectiva dedicada ao realizador galego Carlos Velo que se desenvolverá esta fin de semana entre as localidades de Tomiño (Pontevedra) e Vila Nova da Cerveira (Portugal). A iniciativa pechará o festival "Filminho 2010: Fronterias do Cinema", un encontro que se desenvolve desde o pasado 19 de setembro con distintas actividades de exhibición e formación.

O realizador Carlos Velo

A mostra do traballo de Carlos Velo comprende un total de seis proxeccións: cinco documentais e unha película. Mañá sábado 25 o Auditorio de Goián (Tomiño) acollerá a partir das 18:30 horas os títulos La Ciudad y el Campo (1934), Almadrabas (1934), Galicia Finis Terrae (1936), Tierra del Chicle (1952) e Universidade Comprometida (1973). O visionado destes documentais complementarase cos comentarios que realizarán os profesores Miguel Anxo Fernández e Margarita Ledo.

Pola súa banda, no Cine-Teatro de Cerveira proxectarase o domingo 26 ás 17:00 horas a película Torero. Producida en México en 1956 con guión escrito por Velo xunto a Hugo Butler, dirección de fotografía de Ramón Muñoz e música de Rodolfo Halfter, a cinta -que gañou premios en Cannes e en Venecia e chegou a estar seleccionada para un Oscar- está protagonizada polo toureiro Luis Procuna, quen conta as súas impresións sobre o toureo, a morte, o medo ou o triunfo nas prazas.

Inédita e imprescindible

Para os organizadores do Filminho, esta é unha retrospectiva inédita e imprescindible. A compilación das obras que se presentan, labor no que participaron as filmotecas de España e de México, permitirá os espectadores achegarse a unha dimensión moi completa da produción de Carlos Velo e comprender por que esta se sitúa no máis alto do cine non só galego, senón tamén español e mexicano.

Como material de apoio editouse ademais un catálogo coas fichas e imaxes de todas as obras e distintos textos explicativos sobre a vida de exilio e as claves do traballo de Carlos Velo, coétano, entre outros, de Luis Buñuel e de Federico García Lorca.

O espírito transfronteirizo de CREATIVA, proxecto cuxa organización comparten a Agadic e a portuguesa Direccão Regional de Cultura do Norte para o fomento das industrias culturais do sur de Galicia e do norte de Portugal, faise patente no Filminho, un festival cinematográfico que ten a súa razón de ser no encontro de xéneros audiovisuais e de puntos de vista.

Documentación