A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo puxo en marcha en 2010 o ciclo ST Música Presente, dedicado á promoción especial dos traballos discográficos das formacións e solistas galegos de todos os estilos musicais dentro da programación do Salón Teatro de Santiago de Compostela.
O programa ofrece un xeito adicional de apoio á industria musical galega, promovendo o encontro entre os artistas e os distintos mediadores culturais. Deseñada e promovida en colaboración con AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) e Agaphono (Asociación Galega de Produtoras Fonográficas), os principais destinatarios dos concertos de ST Música Presente son programadores, promotores de festivais e certames de música, distribuidores, prensa especializada e demais axentes culturais, tanto galegos como de fóra de Galicia.
Os concertos ábrense tamén ao público xeral -en función do aforo finalmente dispoñible en cada caso-, que poderá asistir ao recital nas mellores condicións técnicas e escénicas. As entradas póñense á venda mediante o sistema de billeteira habitual do Salón Teatro.
A Agadic traslada a convocatoria da edición 2011 deste programa ás principais asociacións e empresas do sector musical, a fin de que poidan expresar o seu interese de participación baixo as seguintes
CONDICIÓNS:
1. A Agadic abre esta convocatoria a todas as empresas musicais/discográficas galegas interesadas en presentar traballos discográficos de recente edición dos grupos/solistas que representan.
2. Valorarase especialmente que o recital no Salón Teatro sexa o concerto inaugural da xira de presentación do traballo discográfico.
3. Os concertos celebraranse entre os meses de setembro e decembro de 2011, en función das datas dispoñibles dentro da programación escénico-musical que desenvolve o Salón Teatro, baixo a xestión do Centro Dramático Galego.
4. A Agadic achegará un total de 2.500 euros (impostos incluídos) por cada concerto e cederá o Salón Teatro e o seu equipamento técnico para a realización dos mesmos.
5. As empresas interesadas teñen ata o 19 de xullo para remitir a solicitude de participación do grupo/solista que se achega con esta convocatoria ao enderezo electrónico agadic@xunta.es co asunto "Solicitude ST Música Presente".
Prazo: 23/06/2011 - 19/07/2011
Leis relacionadas« Volver