[29/11/2011] O Centro Andaluz de Teatro (CAT) chega esta semana a Galicia con La noche de Max Estrella, espectáculo producido en colaboración co Centro Dramático Galego (CDG) que subirá ao escenario do Salón Teatro de Santiago do xoves 1 ao domingo 4 de decembro. Francisco Ortuño dirixe esta proposta realizada a partir dunha das obras cumio da literatura española do século XX, Luces de bohemia, de Ramón María del Valle-Inclán, e interpretada en solitario por Carlos Álvarez-Nóvoa no papel de Max Estrella.
Enmarcada na conmemoración do 75 aniversario do pasamento de Valle-Inclán, esta coprodución forma parte dun acordo subscrito entre a entidade dependente da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o centro teatral da Agencia Andaluza de Instituciones Culturales que ten por obxecto favorecer o intercambio de experiencias profesionais entre os seus respectivos ámbitos xeográficos. Neste caso, a colaboración materializouse a través das achegas de dous galegos como parte do equipo artístico de La noche de Max Estrella: o compositor Isaac Garabatos, a cargo do deseño do espazo sonoro, e a artista visual Pilar Millán, autora das pinturas, fotografías dixitais e vídeos que dan forma ao espazo visual da montaxe.
Ambos artistas asistiron hoxe en Santiago á presentación aos medios deste espectáculo, na que tamén participaron o director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero; a directora do CDG, Blanca Cendán; o director do Centro Andaluz de Teatro e desta montaxe, Francisco Ortuño; e o actor Carlos Álvarez-Nóvoa. O Salón Teatro acollerá un total de catro funcións da obra (xoves, venres e sábado, ás 20.30 h, e domingo, ás 18.00 h), que poderá verse así mesmo no Teatro Rosalía Castro da Coruña o venres 9 de decembro.
Parábola tráxica e grotesca
A dramaturxia de La noche de Max Estrella transita por aquelas escenas do texto que inaugurou o esperpento nas que aparece o seu protagonista. O veterano actor Carlos Álvarez-Nóvoa dá vida a este Max Estrella, un poeta cego e fracasado que "conmorre" no Madrid absurdo, brillante e famento de principios de mil novecentos. Sobre o escenario, o intérprete emprega lentes de contacto opacas para meterse por completo no personaxe, experimentando as mesmas sensacións que Max Estrela na súa última deriva nocturna polas rúas madrileñas. Acompañándoo neste vagar baixo as luces da bohemia do que bulen unhas cantas verdades, asistimos a unha parábola tráxica e grotesca da imposibilidade de vivir nun país inxusto.
Segundo explica o seu director, a percepción poética de Max é o impulso estético desta proposta teatral. O protagonista vive apreixado na súa cegueira polas alucinacións sonoras e polas súas iluminacións na sombra. Deste xeito, as fotografías e os vídeos de natureza pictórica, así como as máis de trinta pinturas realizadas en papel feito a man que compoñen o espazo visual ideado por Pilar Millán (Ferrol, 1962), tentan reflectir esa atmosfera cargada de crispación, agonía e opresión na que vive o protagonista. Este ambiente parte non só da mirada da propia creadora, senón tamén da visión do director, do actor e mesmo do autor, quen deixou constancia no texto do efecto estético e anímico que perseguía.
Licenciada en Belas Artes, esta galega afincada en Barcelona desenvolve unha interesante traxectoria como artista visual, que na actualidade focaliza cara a producións persoais nas que non falta a compoñente social. Pola súa banda, Isaac Garabatos (Vigo, 1975) é especialista en harmonía contemporánea e combina as súas composicións para numerosos proxectos escénicos e audiovisuais co seu labor á fronte de Sul Producións.
Dentro do suxestivo espazo sonoro que o compositor vigués construíu como espello do queixume vital de Max Estrella, destacan os efectos sonoros, o tratamento das voces da vintena de actores e actrices que participaron na gravación de escenas e a creación de distintas tensións ou atmosferas sonoras, ademais dos temas musicais compostos e gravados especialmente para a produción.
Ortuño, actual director do CAT e profesional de ampla experiencia como director e actor teatral, contou tamén con outras destacadas achegas artísticas para a posta en escena deste proxecto. É o caso de María Puche, deseñadora do espazo escénico e da iluminación; Carmen de Giles, creadora do vestiario; e Rafael Abolafia, encargado da dramaturxia visual e sonora, ademais de exercer como axudante de dirección.
Venda de entradas
As localidades para as catro funcións de La noche de Max Estrella en Santiago están xa a venda a través da páxina web entradas.novagaliciabanco.es. Poden adquirirse, asemade, no despacho de billetes do Salón Teatro, que permanecerá aberto dende dúas horas antes do comezo de cada representación. O seu prezo é de 10 euros de xoves a sábado -con descontos do 40 por cento para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven, desempregados e determinados colectivos profesionais- e de 5 euros o domingo, día do espectador.