Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A PRESENTACIÓN DO SEU ÁLBUM DEBUT TERÁ LUGAR MAÑÁ MÉRCORES 13 ÁS 21.00 HORAS

O jazz de Xacobe Martínez Antelo Cuarteto soará mañá no Salón Teatro dentro do ciclo de concertos "ST Música Presente"

[12/04/2011] A banda de jazz Xacobe Martínez Antelo Cuarteto protagoniza mañá mércores día 13 no Salón Teatro unha nova cita musical inserida dentro do ciclo de concertos ST Música Presente, posto en marcha pola Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) da Consellería de Cultura e Turismo co obxectivo de facilitar a promoción especial de discos galegos a través de recitais dirixidos preferentemente ao público especializado, pero abertos tamén a todos os espectadores. No caso da actuación de mañá, que dará comezo ás 21:00 horas, o grupo do compositor e contrabaixista compostelán presentará en directo os temas do seu primeiro traballo discográfico, Jazz from Galiza!!, editado por Freecode.

Xacobe Martínez Antelo Cuarteto

Este disco debut explora as diversas vertentes do jazz, desde o free-jazz ao máis clásico, con incursións na parte más melódica do xénero e incluso cunha reinterpretación do pasodobre. O álbum conta con material orixinal composto e arranxado expresamente para unha formación acústica.

Autodidacta activo
Xacobe Martínez Antelo declárase autodidacta activo. Comezou no mundo da música cando contaba 13 anos, e xa leva 21 subíndose aos escenarios. Durante a súa extensa traxectoria profesional participou en proxectos como Clan Moriarty, 3pies, Sumrrá, La Tirana, Cool Hamster, Banda Baliza, Bi, Ulo Trío ou Monkillos, e colaborou tamén con artistas do talle de Narf, Mercedes Peón, Marful, Carlos Blanco, Terela Gradín, Marcelino Galán, S.E.M. Big Band, Imaxina Jazz Orquestra, Uxía…

En 2006 ve a luz o seu primeiro proxecto á fronte do seu Quinteto, Isto é Jazz!!!, e tres anos máis tarde presenta unha nova formación, con traballo discográfico incluído: Xacobe Martínez Antelo Trío. En 2010 continúa co seu proceso de investigación en torno a unha formación especificamente jazzística e forma o grupo Xacobe Martínez Antelo Cuarteto, integrado por dous saxos tenores (Rosolino Marinello e Fernando Sánchez), contrabaixo (o propio Antelo) e batería (Max Gómez).

Promoción e difusión de discos galegos
Promovido pola Agadic, en colaboración con AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) e Agaphono (Asociación Galega de Produtoras Fonográficas), o ciclo ST Música Presente botou a andar en 2010 co obxectivo de ofrecer ás discográficas galegas unha nova canle de promoción e difusión dos seus artistas desde unha perspectiva esencialmente comercial, xa que os principais destinatarios destes directos son programadores, promotores de festivais e certames de música, distribuidores, prensa especializada e demais axentes culturais de dentro e fóra de Galicia.

Teñen participado neste programa artistas como Linho do Cuco, Anxo Lorenzo, Emilio Rúa, Álvaro Vieito Cuarteto, Ophiusa ou Bellón Maceiras Quinteto, Niño y Pistola ou Bruma, entre outros.

As entradas para o concerto de Xacobe Martínez Antelo Cuarteto xa están á venda, ao prezo especial de 5 euros, a través da billeteira electrónica da páxina web www.sientelaunion.es e do teléfono 902 43 44 43. No despacho de billetes do Salón Teatro poderán adquirirse o propio mércores a partir das 19.00 horas.

Documentación
Ligazóns