[03/03/2011] O director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Juan Carlos F. Fasero, comprometeu o patrocinio da entidade a Culturgal 2011, a feira das industrias culturais que se celebrará dentro do último trimestre do ano na cidade de Pontevedra. Así foi anunciado hoxe na presentación da memoria de 2010 do evento, acto que contou tamén coa presencia de Xulio Amigo, presidente da Asociación Culturgal; Lola Dopico, concelleira de Cultura de Pontevedra; e Cristina Rubal, subdirectora da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
A achega de 200.000 euros da Agadic foi a principal vía de financiación que posibilitou a celebración de Culturgal 2010. Neste sentido, Fasero adiantou que a intención é repetir a mesma contía para a próxima edición de 2011, e animou aos organizadores a conseguir fondos adicionais doutros patrocinadores privados ou públicos. "Este apoio -engadiu- é importante porque pensamos que Culturgal utiliza o modelo organizativo correcto, que é o da asunción da súa produción e realización por parte dos propios empresarios das industrias culturais".
Máis de 14.000 visitantes
A memoria de Culturgal 2010 relaciona as 67 empresas que contaron con expositor propio dentro do espazo de exhibición, así como un total de 105 actividades culturais realizadas durante os dous días e medio de celebración (no Pazo da Cultura de Pontevedra do 26 ao 28 de novembro). Atendendo a unha clasificación por xéneros, foron 36 os actos relacionados co libro organizados, 26 de música, 17 de audiovisuais, 12 de artes esénicas, 6 de intervención cultural, outras 6 transversais a distintas disciplinas e 2 sobre o sector tecnolóxico.
Canto ao número de visitantes, contabilizáronse un total de 14.010 persoas que accederon ao recinto feiral (3.230 o venres, 4.660 o sábado e 6.120 o domingo). Estes cómputos non inclúen a afluencia de participantes nas actividades e foros desenvolvidos fóra do recinto, que congregaron a case 3.500 profesionais.
Nova dirección
No acto de hoxe tamén se difundiu a convocatoria pública para a selección temporal dun novo director/a para Culturgal 2011, que terá como principais cometidos a elaboración dun plan estratéxico para a feira e a organización e deseño do vindeiro Culturgal. Os interesados teñen ata o próximo día 4 de abril para presentar as súas candidaturas acompañadas da documentación que se solicita nas bases.