Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

SON OITO OS ESPAZOS ESCÉNICOS DE OITO CONCELLOS OS QUE FORMAN PARTE DA PROGRAMACIÓN

A Rede Galega de Teatros e Auditorios ofrece 66 funcións na provincia de Lugo durante o segundo semestre do ano

[07/11/2006] A Rede Galega de Teatros e Auditorios, que na provincia de Lugo conta con 7 integrantes (concellos de Lugo, Burela, Foz, Monforte de Lemos, Ribadeo, Vilalba e Viveiro), vén de inaugurar os programas Rededanza, Redesons Jazz e Redesons Clásica como paso previo á posta en marcha dun novo modelo organizativo baseado no desenvolvemento de programacións específicas de teatro, música, danza, maxia e monicreques. Así, no marco deste circuíto de exhibición de espectáculos que promove o IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais) da Consellería de Cultura e Deporte, os espazos da provincia acollerán neste segundo semestre do ano un total de 66 funcións, das que 13 corresponden a Redesons Jazz, 11 a Redesons Clásica, 6 a Rededanza e as 36 restantes ao programa xeral. Neste cómputo inclúense os 8 concertos que acolle o concello de Xove que, aínda que non é membro da Rede, si participa das programacións específicas de música.

A Rede iniciará en xaneiro de 2007 unha nova etapa, trala conclusión dun proceso de reforma no que están a participar os diferentes sectores implicados (asociacións escénicas, programadores culturais e IGAEM). Neste momentos, enfronta pois a recta final da súa reformulación, a través da que busca consolidarse como un circuíto de espazos de exhibición, no seo do que se desenvolverán programacións concretas dedicadas aos distintos xéneros escénicos e musicais, cada unha delas con requirimentos e orzamentos diferenciados. Esta atención especializada pretende que a danza, a música, os monicreques e a maxia conten cun espazo crecente nunha oferta de espectáculos que até o de agora se centraba basicamente no teatro de actor.

Neste sentido, configuráronse Rededanza, Redesons Jazz e Redesons Clásica que, de xullo a decembro, complementan o cartel xeral da Rede Galega de Teatros e Auditorios, integrada na actualidade por 45 concellos e entidades de toda Galiza. A incorporación destas tres programacións supón un volume de contratación de 263.340,62 € (148.047,31 € a cargo do IGAEM e 115.297,31 €, dos concellos participantes), que se suma ao investimento total de 609.587,42 € destinado á programación xeral durante este período.

CALENDARIO DE ACTUACIÓNS

A cidade de Lugo acolle un total de 10 funcións da Rede neste segundo semestre, todas elas incluídas dentro deste programa xeral. Até finais de ano, as actuacións pendentes terán lugar no Auditorio Municipal Gustavo Freire: O tío Vania de A Factoría Teatro (22 de novembro), Imperial Café Cantante de Teatro do Noroeste (20 de decembro), Os Colombaíños da compañía do mesmo nome (26 de decembro) e Nadarín de Títeres Trompicallo (28 de decembro).

No resto de espazos, e seguindo co cartel de teatro, as vindeiras actuacións terán lugar na Casa da Cultura de Burela –Lagarta, Lagarta: Carambola (10 novembro)–, Sala Bahía de Foz –Teatro do Atlántico: A raíña da beleza de Leenane (2 decembro) e Teatro de Ningures: Misericordia (9 decembro)–, Casa da Cultura do Poeta Manuel María, tamén en Foz –Mago Rafa: A arte do imposible (30 decembro)–, Edificio Multiusos de Monforte –Teatro do Atlántico: A raíña da beleza de Leenane (16 de novembro) e Memoria do 36 (30 novembro), e Teatro de Adro: García (14 decembro)–, Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo –Teatro do Noroeste: Imperial Café Cantante (12 novembro), Sapristi: So, sobre (19 novembro)–, Auditorio Carmen Estévez de Vilalba –Teatro do Noroeste: Imperial Café Cantante (11 novembro) e Balea Branca: Defensa de dama (25 novembro)– e Teatro Pastor Díaz de Viveiro –Teatro do Atlántico: A raíña da beleza de Leenane (11 de novembro)–.

Canto ás programacións específicas, Rededanza desenvólvese en Ribadeo, onde o vindeiro día 10 actuará Experimenta Danza con Meltemi, e en Vilalba, onde xa remataron as funcións, mentres que os concertos pendentes de Redesons Jazz celebraranse en Foz (Anacoana Latin Jazz o 11 de novembro e Roberto Somoza Cuarteto o día 24), Ribadeo (Sol de Farofa o 10 de novembro, Miki Nervio & The Bluesmakers o 1 de decembro, e Estíbaliz Espinosa o 15 dese mes), Viveiro (Improvía o 9 de decembro, Fan Jazz o día 16 e Hot3 SSS o 23) e Xove (Jazzic Dueto o 14 de novembro, Miki Nervio o 30 de novembro e Jazzoline Class o 2 de decembro) e os de Redesons Clásica, en Foz (Vocalise o 18 de novembro, Cuarteto Agógica o 22 de decembro e Mijail Moriatov e Grupo o día 29), Viveiro (John Aigi o 21 de novembro, Quinteto Pentafonía o 23 de novembro e Tamara Lorenzo o día 24) e Xove (Vocalise o 11 de novembro e Cuarteto de Cordas Presto o día 30).

AMPLIACIÓN DE OBXECTIVOS

A Rede, que celebrou a súa primeira programación hai dez anos, encamíñase cara a un novo modelo de funcionamento e xestión que suporá un fondo cambio tanto na súa concepción como nos seus obxectivos. Así, o novo circuíto buscará potenciar o mercado galego das artes escénicas, apoiando a súa presenza e visibilidade social, traballando na captación de públicos, promovendo a formación na xestión cultural aplicada ás programacións e incrementando o volume total de contratación. A creación dunha páxina web propia, a posta en marcha de billeteiras electrónicas, a xestión a través dunha intranet e a realización de estudos periódicos serán algunhas das actuacións neste sentido.

Documentación