Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A AGADIC ABRE ATA O 7 DE XUÑO O PRAZO DE INSCRICIÓN DE PROPOSTAS GALEGAS

A Feira Galega das Artes Escénicas 2010 celebrarase do 18 ao 21 de outubro con 21 espectáculos

[24/05/2010] A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) prepara a décimo oitava edición da Feira Galega das Artes Escénicas, que se celebrará do 18 ao 21 de outubro nun total de seis espazos de Santiago de Compostela e presentará un cartel artístico de 21 espectáculos de teatro e danza, 18 deles a cargo de compañías galegas. Para estas últimas, a organización mantén aberto dende hoxe e ata o vindeiro 7 de xuño o prazo de recepción de propostas cara á configuración deste programa de exhibición, que se desenvolverá diante de máis dun centenar de programadores, distribuidores e outros axentes culturais de toda Galicia, así como do resto do Estado e de Portugal.

Feira Galega das Artes Escénicas 2010

A selección das compañías participantes realizarase a través de dúas vías: unha obxectiva, segundo a que un 50 por cento dos espectáculos galegos corresponderán ás compañías con maior nivel de distribución na Rede Galega de Teatros e Auditorios durante a temporada 2009-2010, e outra artística, a través da que unha comisión nomeada para este fin elixirá tanto as nove montaxes galegas restantes como as tres que chegarán dende fóra da Comunidade.

Público especializado

Unha vez rematado este primeiro prazo, entre o 20 de xuño e o 20 de xullo abrirase o proceso de acreditación de profesionais dirixido prioritariamente a programadores, produtores, distribuidores e prensa especializada en artes escénicas de toda a Península. Este é o público preferente da programación da Feira que, porén, tamén abre as súas portas ao resto de espectadores, en función das localidades dispoñibles para cada unha das representacións.

A carteleira artística desta nova edición da Feira Galega das Artes Escénicas complementarase cun programa paralelo que incluirá showcases de danza -pezas cortas a cargo de formacións e artistas emerxentes no panorama coreográfico galego- e diferentes actividades arredor da zona de mercado ubicada no Auditorio de Galicia, onde se instalarán un total de 16 stands de asociacións e empresas so sector.

Ademais do Auditorio, que repite como sede central da feira, a Sala Capitol e a Aula de Cultura de Caixa Galicia súmanse este ano ao Salón Teatro, ao Teatro ARTeria Noroeste e ao Teatro Principal como escaparate das propostas artísticas.

Do mesmo xeito que nas anteriores edicións, a prioridade da XVIII Feira Galega de Artes Escénicas é promover a presenza de compañías galegas nas programacións que confeccionarán os diferentes teatros, auditorios, circuítos e festivais cara á próxima temporada escénica. Neste sentido, mantense o programa de bonificacións á distribución exterior, de xeito que os programadores de fóra de Galicia que contraten producións galegas durante a Feira poderán beneficiarse dun desconto do 40% no caché do espectáculo.

Ligazóns