Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O PRAZO DE PRESENTACIÓN DE CANDIDATURAS É DE 15 DÍAS HÁBILES A PARTIR DA PUBLICACIÓN DAS BASES DA CONVOCATORIA NO DIARIO OFICIAL DE GALICIA

A AGADIC abre o procedemento de concurso de méritos para a contratación do novo director/a do Centro Dramático Galego

[15/01/2010] A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) iniciou o procedemento de selección para o posto de director/a do Centro Dramático Galego (CDG), que se realizará, por vez primeira nos 25 anos de traxectoria da institución, mediante concurso público e segundo a aplicación das bases aprobadas polo Consello de Dirección deste organismo da Consellería de Cultura e Turismo. A persoa seleccionada desenvolverá labores tanto de dirección artística coma de xestión, a súa contratación realizarase baixo a modalidade de alta dirección e percibirá unha retribución bruta anual de 39.432,89 euros.

Entre as tarefas encomendadas a este posto están as de exercer a dirección artística do CDG; dirixir, coordinar e planificar a actividade das sedes ao seu cargo; formular o plan de programación anual do CDG e do Salón Teatro; dirixir a xestión ordinaria e desenvolver cantas outras funcións lle sexan especificamente encomendadas pola Dirección da AGADIC.

Tamén se ocupará das xestións necesarias para seleccionar e contratar ás empresas encargadas da produción dos espectáculos programados, así como dos artistas vinculados a cada proxecto. Deberá, así mesmo, impulsar acordos de cooperación e colaboración con outros centros análogos e cantas institucións públicas e privadas poidan coadxuvar á consecución dos fins do CDG.

Requisitos taxados

Os candidatos deberán cumprir os requisitos taxados das bases e achegar en tempo e forma toda a documentación requirida e a instancia normalizada que se publicará, como anexo á convocatoria, no Diario Oficial de Galicia nos próximos días. O prazo de presentación é de quince días hábiles a partir do día seguinte á publicación no DOG.

Entre os documentos que se solicitan figura unha memoria-proxecto de programación para tres temporadas escénicas, isto é, até xuño de 2013. A este escrito, que non poderá exceder de 30 páxinas e deberá ir presentado en sobre independente e pechado, outórgase a maior incidencia na posterior valoración dos méritos dos candidatos, xa que pode chegar a supoñer 20 puntos dun total de 90.

A valoración dos méritos de selección farase por unha comisión nomeada ao efecto, que presidirá un subdirector xeral da Consellería de Cultura e Turismo designado polo Conselleiro de Cultura na súa calidade de presidente do Consello de Dirección da AGADIC. Participarán ademais 3 vogais, dous deles a proposta das asociacións máis representativas do sector entre persoas de recoñecido prestixio no mundo das artes escénicas en Galicia. O vogal restante e o secretario serán persoal funcionario de carreira ou persoal laboral fixo da Consellería de Cultura e Turismo.

Só titulados universitarios

As bases establecen como requisito excluínte que os aspirantes estean en posesión de titulación universitaria, en grao de licenciatura ou equivalente, Tamén reflicten o baremo para a valoración doutros méritos que se terán en conta, tales como a acreditación de estudos de posgrao en xestión cultural, produción de artes escénicas, xestión empresarial, propiedade intelectual, economía e/ou dirección de recursos humanos, traxectoria profesional e dominio de idiomas.

O prazo para a resolución será dun mes. Se ningunha das candidaturas acada un mínimo de 60 puntos sobre o máximo de 90 acadables, o concurso poderá ser declarado deserto.

Documentación