Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

NUNO CARDOSO DIRIXE ESTA VERSIÓN DA PEZA MÁIS AUTOBIOGRÁFICA DO AUTOR NORTEAMERICANO, CONSIDERADA UN DOS TEXTOS ESENCIAIS DA DRAMATURXIA DO SÉCULO XX

A obra de Tennessee Williams "Jardim Zoológico de Cristal" chega esta fin de semana ao Salón Teatro da man da compañía portuguesa Ao Cabo Teatro

[28/10/2009] O Salón Teatro ofrece esta fin de semana dúas funcións (o sábado 31 ás 20.30 h e o domingo 1 ás 18.00) do espectáculo Jardim Zoológico de Cristal, obra de Tennessee Williams dirixida por Nuno Cardoso para a compañía portuguesa Ao Cabo Teatro. O escenario que xestiona o Centro Dramático Galego acolle en exclusiva a presentación fóra de Portugal desta montaxe, que chega a Santiago tralo éxido acadado na súa estrea no Centro Cultural Vila Flor de Guimarães.

Jardim Zoológico de Cristal

Considerada como a obra máis autobiográfica de Tennessee Williams, Jardim Zoológico de Cristal (The Glass Menagerie) é ademais unha das pezas máis aclamadas do gran dramaturgo estadounidense. Trátase dun texto imprescindible da literatura dramática contemporánea que afonda nas entrañas dunha familia en crise para falar da fraxilidade humana, de ambicións e frustracións, de amor e desesperación.

A versión de Nuno Cardoso dá aos espazos e aos personaxes creados por Williams en 1945 a actualidade do século XXI, coa gran depresión dos anos trinta como metáfora do momento presente. Maria do Céu Ribeiro, Micaela Cardoso, Luís Araújo e Romeu Costa son os intérpretes do espectáculo, no que a construción escenográfica en planos desencaixados, a proxección de lendas escritas e a utilización de imaxes realistas e simbólicas teñen como referencia as indicacións realizadas polo autor no texto orixinal. Fernando Ribeiro asina o deseño da escenografía e os estilistas Story Tailors, os figurinos desta montaxe, na que Víctor Hugo Pontes exerceu como axudante de dirección e na que destaca igualmente a iluminación de José Álvaro Correia e a música de Luís Aly.

Nova colaboración co CDG

Con esta nova proposta da compañía do Porto Ao Cabo Teatro, Cardoso e parte do seu equipo habitual regresan ao Salón Teatro un ano despois de estrear co Centro Dramático Galego A boa persoa de Sezuán, de Bertolt Brecht, primeira produción da compañía pública na temporada 2008-2009.

Ademais, e coincidindo coas escenificacións de Jardim Zoológico de Cristal, o CDG organiza na escola Espacio Aberto de Santiago un workshop co director portugués para actores e actrices profesionais. O taller impartirase en dúas sesións (o sábado 31, de 14.00 a 18.00 h e o domingo 1, de 11.00 a 14.00 h), nas que se traballará a análise textual e a improvisación arredor da obra do autor norteamericano.

Jardim Zoológico de Cristal é un drama sobre persoas aparentemente correntes que parecen cargar sobre si as angustias, os dilemas e o desexo de felicidade de toda a humanidade. O "realismo poético" característico de toda a obra de Tennessee Williams reflíctese fielmente nesta historia protagonizada por catro personaxes encerrados nun mundo pequeno, case desesperado, que só a fantasía consegue facer máis grande.

Sinopse

Tom Wingfield, narrador e personaxe, é un aspirante a poeta que traballa nun almacén de zapatos para manter a súa familia. A súa nai, Amanda, alardea continuamente da súa mocidade idílica e das decenas de pretendentes que sempre a cortexaron. Vive angustiada pola súa filla Laura que, debido a un defecto físico unido a unha timidez incorrixible, permanece afastada do mundo e dedicada á súa colección de animais de cristal.

Despois dunha das continuas discusións entre Tom e Amanda, o mozo cede aos insistentes chamamentos da nai e convida a cear a un compañeiro de traballo, Jim O'Connor, un home normal, psicólogo empírico, que rapidamente descobre a natureza de Laura e non pode deixar de trebellar con ela nun xogo de sedución. Así as cousas, estes catro personaxes encerrados no ambiente asfixiante dun piso miserable van espindo a súa fraxilidade, os seus temores e as súas frustracións, nuns diálogos cargados de ironía que poñen ao descuberto a súa desesperada loita por sobrevivir.

As entradas para asistir ás dúas representacións de Jardim Zoológico de Cristal poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. Tamén poden adquirirse por adiantado na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros para a función do sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros o domingo, día do espectador.

Documentación
Ligazóns