[05/08/2009] A Axencia Galega das Industrias Culturais resolveu a adxudicación dun total de 5.250.000 euros a 79 proxectos audiovisuais galegos a través de dúas das seis liñas de axuda ao sector convocadas en 2009. Deste importe global, 4.850.000 euros destínanse á produción e coprodución de 31 longametraxes e documentais en lingua galega ao longo de catro anualidades (ata 2012), mentres que outros 400.000 euros están dirixidos á promoción do talento audiovisual galego a través do apoio a 48 propostas de creación individual para a escrita de guións e para a realización de longametraxes e curtametraxes en soporte dixital, así como de curtas experimentais.
Nesta primeira quenda de resolucións foi adxudicado o 76% do orzamento global (6.900.000 euros) reservado ás subvencións ao sector audiovisual galego convocadas este ano por primeira vez a través da AGADIC. Antes do vindeiro 31 de agosto, aprobarase a relación de adxudicatarios e contías outorgadas nas convocatorias correspondentes ao desenvolvemento de proxectos audiovisuais en lingua galega, á produción de curtametraxes e videoclips en versión orixinal en lingua galega, e ao desenvolvemento e produción de contidos interactivos en lingua galega; mentres que no caso da nova categoría de axudas de concesión automática para a amortización dos custos de produción de longametraxes cinematográficas, telefilmes e documentais, o prazo de solicitude continúa aberto ata o 15 de outubro.
Produtoras independentes
Un total de 28 produtoras independentes beneficiarase das axudas á produción e coprodución audiovisual nas súas diferentes modalidades, de xeito que se apoia a realización de 7 longametraxes cinematográficas de animación e ficción cun importe total de 2.200.000 euros, 4 operas primas ou segundas longametraxes (1.200.000 euros), 6 telefilmes (850.000 euros), 7 documentais de creación (273.514 euros) e 6 de difusión cultural (236.482 euros), e unha longametraxe dixital (90.000 euros).
A contía total destinada a esta liña de apoio, a de maior dotación de todas as convocadas, distribuirase ata 2012 (1.100.000 euros no ano 2009, 1.200.000 euros en 2010, 1.250.000 en 2011 e 1.300.00 en 2012) e o prazo de xustificación de cada anualidade rematará o 31 e outubro do ano correspondente.
Polo que respecta ás subvencións para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego, de carácter anual, un total de 167.000 euros destínase á realización de 19 curtametraxes experimentais, 85.000 euros a 13 propostas de escrita de guión, 82.000 euros á realización de 4 longametraxes en soporte dixital, e 66.000 euros a 12 curtametraxes no mesmo tipo de soporte. O prazo de xustificación finaliza o 31 de outubro deste ano para as catro modalidades.