[28/01/2009] A Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) promoverá a creación de compañías residentes, asociadas a espazos escénicos galegos públicos ou privados, a través dun apartado específico dentro da súa convocatoria de axudas 2009, a primeira realizada por esta entidade da Consellaría de Cultura dende a súa posta en marcha en xuño de 2008. A AGADIC outorgará este ano un máximo de 2.275.000 euros a través das seis modalidades destas primeiras subvencións ás industrias culturais galegas que, ademais de incrementar o apoio económico ao sector escénico e musical respecto da convocatoria asinada en 2008 polo antigo Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), esténdense a todas as disciplinas artísticas a través do programa Crédito-Cultura e das axudas á distribución.
O programa Compañías Residentes é unha das principais novidades na categoría referida á actividade escénica (modalidade A), que este ano aumenta nun 18% a súa dotación total (1.450.000 € fronte a 1.240.000 € en 2008) superando así os obxectivos establecidos para este exercicio polo Plan Galego das Artes Escénicas. A finalidade deste novo programa é dotar dunha maior estabilidade ás compañías profesionais de teatro e/ou danza a través da súa vinculación a espazos escénicos concretos. As empresas candidatas deben contar cun mínimo de cinco anos de experiencia na produción e distribución de espectáculos, co apoio económico dunha administración local e co compromiso mínimo da produción dun espectáculo e da realización dun número concreto de funcións no espazo de residencia, entre outros requirimentos especificados nas bases xerais que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG).
Discriminación positiva
Esta modalidade A de axudas inclúe, asemade, as destinadas á nova creación e á actividade escénica bianual ou de produción concreta de espectáculos profesionais de teatro, danza e maxia, e introduce -tamén por vez primeira- criterios de discriminación positiva canto a xénero, valorando tanto o fomento da incorporación da muller ás tarefas de dirección escénica como a posta en escena de obras de autoría feminina.
Xunto coas subvencións a actividade escénica, o programa "Crédito Cultura" (modalidade B), a promoción e difusión de traballos discográficos (mod. C), a distribución (mod. D), o labor das salas privadas de artes escénicas (mod. E) e o asociacionismo profesional no ámbito da escena e da música (mod. F) constitúen os seis eixes arredor dos que se estrutura esta convocatoria. Canto ás axudas para investimentos nos espazos da Rede Galega de Teatros e Auditorios, incluídas en anteriores subvencións ao sector escénico e musical, a súa xestión trasládase este ano á Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural.
Apertura a outros ámbitos culturais
No caso do poio á distribución, ás subcategorías destinadas á exhibición exterior de espectáculos escénicos e musicais galegos súmase nesta ocasión un apartado dirixido a fomentar a presenza de empresas galegas dedicadas á produción e distribución de todo tipo de bens ou servizos culturais en feiras e mercados do sector. Igualmente, o programa Crédito-Cultura -que botou a andar o ano pasado co obxectivo de facilitar o acceso en condicións vantaxosas das empresas escénicas e musicais ao financiamento bancario da súa actividade profesional- ábrese agora a todos os ámbitos culturais.
O prazo de presentación de solicitudes ábrese até o 28 de febreiro, agás nalgúns casos específicos do Crédito-Cultura e das axudas á distribución. A documentación recibida será avaliada por catro comisións: unha para as modalidades de axudas á actividade escénica no ámbito da danza, o teatro e a maxia, outra para o apartado de nova creación, unha terceira para o de promoción e difusión de traballos discográficos e unha última para as restantes categorías. A resolución será ditada no prazo máximo de nove meses.
Con esta primeira convocatoria de axudas ás industrias culturais, a AGADIC avanza na liña de apoio ás empresas escénicas e musicais galegas iniciada pola Consellaría de Cultura no ano 2006 -as dotacións orzamentarias para as axudas á produción multiplicáronse por tres dende o exercicio 2005-, ao tempo que abre a todas as disciplinas artísticas unha parte dos programas antes dirixidos en exclusiva a este sector.