O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou no seu nº 19 (mércores, 28 de xaneiro) a convocatoria de subvencións da AGADIC ás industrias culturais para o ano 2009. O texto íntegro pode consultarse aquí.
Presentación de solicitudes: As solicitudes de subvencións dirixiranse ao director da AGADIC, axustándose ao modelo publicado nos anexos da resolución. Os anexos editables están dispoñibles na web da Guía do Cidadán da Xunta de Galicia (código: CD402A).
Prazo e lugar de presentación: até o sábado 28 de febreiro, agás nos casos especificados para as modalidades B e D. As solicitudes poden presentarse nos servizos, rexistros e oficinas correspondentes da Comunidade Autónoma de Galicia, así como nos rexistros doutras administracións públicas, consonte co establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e na súa disposición adicional 18ª.
Lémbrese que o horario do rexistro da AGADIC (Rúa da Vesada, s/n. San Lázaro. 15703 Santiago de Compostela) é de 9.00 a 14.00 horas, de luns a venres.
MODALIDADES
A. Actividade escénica:
A.1. Nova creación
A.2. Compañías residentes
A.3. Actividade escénica no ámbito do teatro (para a produción e distribución dun espectáculo de nova produción ou para a continuidade da actividade escénica)
A.4. Actividade escénica no ámbito da danza (para a produción e distribución dun espectáculo de nova produción ou para a continuidade da actividade escénica)
A.5. Actividade escénica no ámbito da maxia (para a produción e distribución dun espectáculo de nova produción ou para a continuidade da actividade escénica)
Finalidade: Fomentar a actividade escénica profesional, en calquera das súas modalidades e disciplinas artísticas.
Dirixido a: Persoas físicas ou xurídicas dedicadas profesionalmente á actividade teatral, da danza ou da maxia, con domicilio, sede social ou establecemento permanente en Galicia.
Prazo de presentación de solicitudes: PECHADO
B. Programa Crédito-Cultura:
Finalidade: Promover, facilitar e normalizar o acceso das empresas culturais ao financiamento bancario da súa actividade de produción e distribución de produtos ou servizos de consumo cultural de interese sociocultural.
Dirixido a: Sociedades mercantís dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de servizos de consumo cultural, con domicilio, sede social ou establecemento permanente en Galicia.
Prazo de presentación de solicitudes: PECHADO
C. Promoción e difusión de traballos discográficos:
Finalidade: Promover a difusión socia le a comercialización dos traballos discográficos de interese cultural.
Dirixido a: Sociedades mercantís dedicadas á actividade de produción e distribución no ámbito da música con domicilio, sede social ou establecemento permanente en Galicia.
Prazo de presentación de solicitudes: PECHADO
D. Distribución:
Finalidade: Promover a distribución exterior de bens e servizos culturais producidos por empresas e/ou compañías profesionais galegas.
D.1. Distribución exterior de espectáculos de artes escénicas e musicais producidos por empresas galegas
Dirixido a: Persoas físicas e/ou xurídicas dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas ou musicais, con domicilio, sede social ou establecemento permanente en Galicia, coa excepción das asociacións e entidades sen fins de lucro.
Prazo de presentación de solicitudes: PECHADO
D.2. Asistencia a feiras e mercados culturais
Dirixido a: Sociedades mercantís dedicadas á actividade de produción e distribución de bens ou servizos culturais, con domicilio, sede social ou establecemento permanente en Galicia, para a asistencia a feiras ou mercados culturais con stand propio, da asociación de empresarios do sector ou da Consellaría de Cultura e Deporte.
Prazo de presentación de solicitudes: PECHADO
D.3. Distribución de espectáculos en feira
Dirixido a: Persoas físicas e xurídicas dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas, con domicilio ou sede social en Galicia, coa excepción das asociacións e entidades sen fins de lucro.
Prazo de presentación de solicitudes: PECHADO
E. Salas de teatro e artes escénicas privadas:
Finalidade: Promover o desenvolvemento de programacións de artes escénicas por parte de salas e teatros de titularidade privada.
Dirixido a: Salas e teatros de titularidade privada, con capacidade non superior ás 250 prazas e cunha programación estable ou o apoio á creación de espectáculos relacionados coas artes escénicas en xeral. Excluiranse deste ámbito as salas ou teatros cuxa titularidade pertenza a asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro.
Prazo de presentación de solicitudes: PECHADO
F. Asociacionismo profesional no ámbito das artes escénicas e musicais:
Finalidade: Potenciación do asociacionismo profesional no ámbito das artes escénicas e musicais.
Dirixido a: Entidades e asociacións profesionais representativas das empresas e profesionais no sector do teatro, en todas as súas modalidades, a danza e a música.
Prazo de presentación de solicitudes: PECHADO
Prazo: 28/01/2009 - 31/10/2009
Documentos relacionados« Volver