Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

IMPARTIDO POR MEDHI IDIR, DO PARC DE LA VILLETE DE PARÍS, INCLÚE A REPRESENTACIÓN DO ESPECTÁCULO 'SOLO A CIEGAS' A CARGO DA ARTISTA VISUAL OLGA MESA

Vinte alumnos participan no curso de mediación cultural que organiza o CCG en Compostela

[03/04/2008] O Centro Coreográfico Galego (CCG), en colaboración co Centro Dramático Galego (CDG) e a Sala Nasa, organiza esta fin de semana en Santiago un curso que abordará as novas relacións cos públicos. Impartido por Medhi Idir, director de programación de espectáculos do Parc de La Villette de París, e a artista visual Olga Mesa, un total de 20 alumnos, na súa meirande parte galegos, participa nesta actividade formativa que se desenvolve a partir de mañá venres e até o domingo 6 de abril con sesións lectivas no Salón Teatro e funcións na Sala Nasa.

O curso abórdase como un obradoiro que toma como exemplo de xestión de públicos o traballo levado a cabo no Parc La Villette, un centro cultural parisino punteiro en Europa no establecemento de novas relacións cos públicos. No ano 2002 creou un ‘Taller do espectador’ que acolle regularmente a persoas en contacto cos públicos que queren comprender mellor o espectáculo para poder transmitilo dun xeito idóneo.

O CCG esgotou as prazas dispoñibles para participar nesta iniciativa, na que se inscribiron profesionais de diversos ámbitos, tales como profesores, programadores ou animadores culturais. Os contidos trasladados por Idir completaranse cunha clase da artista asturiana Olga Mesa, na que explicará os códigos de acceso ás estéticas do espectáculo contemporáneo e axudará aos participantes a desenvolver as súas capacidades de comunicación.

Funcións na Sala Nasa

Dentro do programa formativo, Mesa presentará o seu traballo Solo a ciegas (con lágrimas azules) con dúas funcións na Sala Nasa, abertas tamén a espectadores de fóra curso, que terán lugar o sábado ás 21.00 horas e o domingo ás 20.00 horas. A creadora asturiana, que normalmente fai desaparecer ‘a cuarta parede’ no seu diálogo permanente co público, convida nesta proposta a mergullar nun novo espazo de escoita e percepción do corpo. A cámara en escena, un elemento concorrente nas súas creacións, é utilizada nesta peza co desexo de levar a cabo unha experimentación máis intuitiva e inmediata.

Documentación
Ligazóns