[22/02/2008] O Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, acolle mañá sábado 23 de febreiro, ás 21.00 horas, un concerto da Orquestra da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), baixo a dirección do mestre Maximino Zumalave e co recoñecido pianista Guillermo González como solista.
De entrada libre, a actuación prográmase como remate do II Encontro de Práctica Orquestral inserido no plan pedagóxico da Sección de Formación Permanente da EAEM, centro dependente da Consellaría de Cultura e Deporte a través do IGAEM.
Os estudantes ofrecerán, nunha primeira parte, o Concerto para piano e orquestra nº 24 en do menor KV. 491, de Mozart, mentres que na segunda interpretarán a Sinfonía nº 96 en Re maior "O milagre", de Haydn. Tal e como sinala Albert Ferrer i Flamarich nos apuntamentos ao programa, ambas as composicións constitúen un "magnífico exemplo do clasicismo vienés", compartindo a súa condición de "obras de madureza" dos seu autores, que empregan a orquestra típica do momento: madeiras, trompas e trompetas por dous, timbais e cordas.
47 novos intérpretes
A orquestra, integrada por 47 novos intérpretes, estará acompañada polo mestre canario Guillermo González, recoñecido como un dos máximos representantes do ámbito pianístico a nivel estatal e Premio Nacional de Música en 1991.
Catedrático do Conservatorio Superior de Madrid dende 1975, González ten ofrecido recitais por todo o mundo, colaborando con orquestras e directores de prestixio internacional. Entre as súas numerosas gravacións discográficas destacan as dedicadas a Scriabin, E. Hallfter, Falla, García Abril, Zulema de la Cruz, Carlos Cruz de Castro, José Luis Turina ou Teobaldo Power, pola que en 1980 recibiu o Premio Nacional do Disco. En 1998 edita unha nova versión da Suite Iberia, segundo os textos orixinais de Albéniz, e en 2007 gravou o cuarto disco da obra completa para piano do devandito compositor para o selo internacional Naxos.
Dende 1990 preside o Concurso Internacional de Piano de Xaén e dende 2005, un proxecto para ensinar e difundir a música española na China, país ao que foi recentemente convidado como parte do tribunal da The China International Piano Competition (Xiamen).