Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

DIRIXIDO POLO ARXENTINO PABLO VERGNE, ESTE ESPECTÁCULO DE MONICREQUES SERÁ REPRESENTADO DO 13 AO 17 DE FEBREIRO NO TEATRO PRINCIPAL

O CDG estrea en Ourense o espectáculo de monicreques 'Valdemuller'

[14/02/2008] O Teatro Principal de Ourense acolle mañá venres, ás 20.30 horas, a estrea do novo espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG), Valdemuller, montaxe de monicreques dirixida polo arxentino Pablo Vergne segundo a creación colectiva realizada a partir da novela de Xosé A. Neira Cruz. Con esta segunda produción da temporada 2007-2008, o CDG arrisca na súa aposta por unha combinación de elementos tradicionalmente asociados a programacións consideradas menores, como son o teatro de monicreques e o teatro dirixido especialmente a público en idade adolescente.

Valdemuller

Por primeira vez dende hai 11 anos, Ourense acolle unha estrea absoluta do Centro Dramático Galego, que xa ofreceu no Teatro Principal dúas representacións para institutos (onte e hoxe, ás 11.00 h) e esta fin de semana protagonizará outras dúas para público familiar (sábado 16 e domingo 17, ás 20.00 h). As entradas poranse á venda no despacho de billetes do devandito teatro de 11.00 a 13.30 horas e unha hora antes do comezo da función. Tamén poden adquirise na billeteira electrónica no teléfono 902 43 44 43 ou na web www.caixagalicia.es. O seu prezo é de 8 € (butaca, platea e 1º andar), 7 € (2º andar) e 5 € (paraíso e VR), cun desconto do 20% para os usuarios do carné xoven, de estudante e os maiores de 65 anos.

Tradición e innovación

A tradición de monicreques galega unida á experiencia e ao discurso estético de Pablo Vergne, recoñecido mestre das montaxes de monicreques, dan lugar a un traballo orixinal e de moi boa factura co que o CDG, en calidade de teatro público, avanza na súa función de impulsar discursos dramáticos arriscados e de dar pulo á actividade escénica considerada nas marxes. Con Valdemuller, a compañía da Consellaría de Cultura recupera, ademais, a produción de espectáculos de monicreques, 14 anos despois de O Mariscal, dirixida por Marcelino de Santiago "Kukas" en 1994.

Director arxentino afincado en Madrid, Vergne caracterízase por un estilo singular que combina tradición e innovación, economía de medios e máxima expresividade, exploración de materiais e reciclaxe de obxectos, na procura de novas linguaxes escénicas e da complicidade co público.

Para Valdemuller, contou cun equipo artístico integrado polas actrices-manipuladoras galegas Alba Grande, Montse Piñón, Raquel Queizás e Manuela Varela, ademais de por María de la Iglesia (espazo escénico e vestiario das actrices), Mari Carmen Pérez Pastor e Gador Enríquez (vestiario dos bonecos), Octavio Mas (iluminación) e María Eugenia Romero Baaamonde (axudante de dirección). Ricardo Vergne, Gustavo Brito, Javier Gallego e Bernardo Rodríguez foron os encargados de realizar os 17 monicreques de case 60 centímetros de altura, construídos en látex, goma espuma e poliuretano sobre unha estrutura interna de madeira, PVC e aluminio.

Sinopse

A historia de Valdemuller dá comezo cando a familia de Mina, que cumpre quince anos, prepara unha festa de aniversario con posta de longo incluída, que non é do gusto da rapaza. A sorte fai que algúns dos tópicos da festa sufran certos cambios involuntarios, como o acontecido co elegante traxe que lle tiñan preparado. Un agasallo misterioso desencadea unha investigación: Mina recibe un colgante en forma de estrela de sete puntas ante o cal toda a familia experimenta un certo nerviosismo. A rapaza, pouco e pouco e coa axuda da súa tía Olga, vai descubrindo os segredos que agocha o galano e as historias que oculta a súa familia.

A partir da entrega do obxecto máxico comeza para Mina a verdadeira busca da súa identidade. Emprende unha viaxe cara a Valdemuller chea de aventuras e perigos e, ao tempo que descobre o que significa ser unha "filla da lúa", experimenta un proceso de autocoñecemento e maduración que a axudará a continuar a súa vida dende outra perspectiva.

55 funcións, 35 para institutos

Tralas cinco funcións de Ourense, o CDG iniciará unha xira con este espectáculo que se prolongará até maio e durante a cal será escenificado para o público xeral en Narón (Auditorio Municipal, 22 e 23 de febreiro), Tui (Teatro Área Panorámica, 29 de febreiro), Pontevedra (Pazo da Cultura, 5 de marzo), Compostela (Salón Teatro, do 26 de marzo ao 20 de abril), Vigo (Centro Cultural Caixanova, 17 e 18 de maio) e Ferrol (Teatro Jofre, 25 de maio). Están programadas, ademais, outras 27 representacións máis para institutos en Narón, Tui, Pontevedra, Carballo, O Barco, Vilagarcía, Ribadeo e Ferrol. Con este motivo, o CDG elaborou un dosier pedagóxico, escrito por Ánxela Gracián (Gálix), para facilitarlles ao profesorado e alumnado o traballo na clase.

Asemade, a produción viaxará fóra de Galiza e será representada no Teatro Escalante de Valencia (o día 26 de abril para público familiar e os días 28, 29 e 30 para escolares, con dúas funcións diarias) e no Festival Fazer a Festa da cidade portuguesa de Porto (4 de maio).

Documentación