Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

OS NORTEAMERICANOS MATT VALENTINE & ERIKA ELDER WITH THE GOLDEN ROAD E O GRUPO GALEGO IGLOO ACTÚAN O XOVES 31 EN COMPOSTELA

Grupos internacionais e galegos comparten carteleira nos tres concertos do Festival Sinsal. Extensión Salón Teatro

[29/01/2008] O Salón Teatro abre este xoves día 31, ás 22.00 horas, coa actuación de Matt Valentine & Erika Elder with The Golden Road e Igloo, a segunda edición da extensión en Compostela do Festival Sinsal, un encontro de referencia en Galiza para a música contemporánea máis vangardista. O escenario que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG) acollerá dentro deste ciclo outros dous recitais: o de Michael Gira e (r) o 23 de febreiro e o que compartirán Baby Dee e O Fillo Pausado o 8 de marzo, co que continúa así co seu labor de difusión das expresións escénicas actuais, desde unha perspectiva multidisplinar e integrada.

Matt Valentine & Erika Elder

Fundado na cidade de Vigo en 2003, o Festival Sinsal aposta polos sons contemporáneos, as propostas populares e os proxectos máis arriscados do panorama musical internacional. Tamén sirve de plataforma para presentar proxectos menos coñecidos pero de igual importancia artística e outros traballos relacionados co fenómeno sonoro. O certame desenvólvese ao longo de todo o ano cunha estrutura estacional, cunha programación definida para cada inverno, primavera, verán e outono.

Se a primeira edición do Festival Sinsal. Extensión Salón Teatro acolleu os concertos dos grupos A Hawk and a Hacksaw & The Hun Hangár Emsemble, a norueguesa Hanne Hukkelberg e os británicos Tunng, para esta ocasión regresa con outro catálogo de artistas tan interesantes como influentes dentro do panorama das músicas contemporáneas a nivel internacional.

Xeitos de entender a música

Así, a "Estación Inverno" principiará en Compostela co concerto folk psicodélico da parella de Massachusetts Matt Valentine & Erika Elder with The Golden Road, que actuarán xunto cos galegos Igloo.

Desde mediados da década pasada, Matt Valentine foi alimentando unha carreira enfocada a dar saída aos sons tradicionais do pasado (folk, blues rural, psicodelia...) a través dun prisma persoal ata o punto de crear o son spectrasound para resaltar a profundidade, localización e resonancia da súa particular forma de entender a música. No seu concerto en Santiago compartirán escenario co grupo galego Igloo, que compoñen Diego Castro (baixo), Juan Gil López (síntese e programacións), Beni (voz e guitarra), David (batería) e Selín (guitarra). Lonxe de artificios e concesións, Igloo respira a esencia do pop máis contemporáneo conxugando agresivas guitarras, matices electrónicos e letras evocadoras.

O concerto do americano Michael Gira e o italiano Fabrizio Modonese, coñecido artisticamente como (r), que terá lugar o próximo 23 de febreiro, ofrecerá un recital protagonizado polo fundador do mítico grupo Swans e a súa evolución cara a acústica, e pola peculiar música de (r) e as súas cancións de morte e transfiguracións interpretadas a voz e guitarra.

O Sinsal Santiago pechará o 8 de marzo coa actuación que compartirán Baby Dee e O Fillo Pausado. Dee, cantante natural de Ohio (EUA), autodefínese como "andróxina artista circense" e os entendidos identifícana como posuidora "dunha das voces máis fascinantes". A chamada "Raíña de Manhattan", por percorrer durante anos as avenidas de Nova Iork co seu triciclo con arpa integrada, compartirá carteleira cos galegos O Fillo Pausado, a arriscada e innovadora proposta do vigués Magú Castromil.

As entradas para asistir aos tres concertos do Festival Sinsal. Extensión Salón Teatro poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada espectáculo. Tamén poden adquirise na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados).

Documentación