Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A CONSELLARÍA DE CULTURA E DEPORTE PRESENTA O BORRADOR E O PROCESO DE PARTICIPACIÓN

O Plan Galego das Artes Escénicas será a guía de estratexias e liñas concretas para potenciar o teatro e a danza

[12/06/2007] A Consellaría de Cultura e Deporte presentou hoxe o borrador do Plan Galego das Artes Escénicas, unha guía de estratexias e liñas concretas para gañar protagonismo social e proxección exterior. O borrador comezarase a debater ese mesmo mes con máis de 60 representantes de todos os axentes implicados para obter un marco eficiente e consensuado para as artes escénicas para os vindeiros anos.O Plan constituirá, pois, un fito sen precedentes en Galiza, tanto polo seu procedento de xénese como polo alcance dos seus obxectivos, aspectos que foron explicados hoxe pola conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo; xunto ao director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará; e o xerente do IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais), Miguel Martín. O Plan establecerá o ámbito integral de actuación de todos os poderes públicos, co obxecto de situar as artes escénicas no centro da vida cultural e social do país.

O proxecto fundaméntase na necesidade de que a política do Goberno galego no ámbito das artes escénicas sexa unha política integral, que inclúa e comprometa no seu desenvolvemento a todos os departamentos das distintas consellarías con competencias en ámbitos relacionados co teatro e a danza en Galiza, para poder establecer deste xeito un marco estable de apoio á cultura que teña en conta as as súas distintas dimensións de hoxe en día: a cidadá, a artística e a económica.

CINCO EIXOS TEMÁTICOS

O Plan está estruturado sobre cinco eixos directores: o da formación e creación artística, o da integración das artes escénicas na vida comunitaria, o das industrias culturais, o dos mercados e os públicos e o da proxección exterior.

Entre as medidas concretas figuran a ampliación da rede de espazos escénicos, mellorando as súas capacidades técnicas e fomentando a colaboración entre eles. Así mesmo, tamén se pretende impulsar a figura dos teatros asociados ao Centro Dramático Galego para acadar unha maior difusión das súas producións.

FACILITAR O ACCESO DE TODO O PÚBLICO

Co obxectivo de afondar na democratización do público, a Consellaría fomentará a implantación de servizos de atención aos menores e ás persoas dependentes para que as persoas con cargas familiares poidan acudir aos espectáculos. Neste sentido de achegar as artes escénicas a toda a sociedade, tamén se establecerán proxectos pilotos de animación socio-cultural dirixidos a colectivos con risco de exclusión social. Por outra banda, incidirase entre a xente máis nova, cun programa cultural específico no eido escolar para habituar os alunos e alunas ao teatro e á danza.

En canto ao fomento da creatividade, o borrador do Plan presentado hoxe pola conselleira inclúe residencias temporais para compañías privadas e para novos creadores e creadoras individuais. Tamén se contempla a concesión de apoios financeiros reforzados para as producións innovadoras.

REFORZAR AS EMPRESAS

O Plan pretende consolidar as empresas culturais do sector e para iso contempla axudas á incorporación de melloras técnicas, en especial as novas tecnoloxías da información, e á formación dos recursos humanos. Así mesmo, estabecerase un sistema de bolsas de prácticas en empresas e unidades de produción para facilitar a transición entre o ensino e o mercado laboral; así como o fomento dun convenio colectivo no sector para fomentar o emprego de calidade e unha remuneración axeitada. Para garantir unha maior estabilidade das empresas, a Consellaría tamén está a avaliar a idoneidade de conceder axudas bianuais e trianuais.

Por último, promoverase a proxección das creacións galegas no exterior mediante a presenza nas principais feiras e eventos internacionais en canto a artes escénicas e mediante o reforzo das das axudas á distribución no exterior. Finalmente, traballarase para establecer programacións das artes escénicas galegas nas principais cidades do estado e de Europa.

PARTICIPACIÓN DOS AXENTES CULTURAIS

Para a elaboración do Plan terase en conta o concurso dos axentes institucionais e sectoriais que operan no sector, de xeito que quede garantida a súa utilidade. Neste sentido, desde a segunda quincena deste mes de xuño desenvolverase o proceso de diálogo entre todas as entidades públicas e privadas implicadas. O proceso de participación, no que intervirán máis de 60 representantes de distintos organismos e empresas, organízase a través dunha comisión de coordinación, catro mesas temáticas e unhas xornadas finais de presentación do Plan.

A comisión de coordinación previa, que se reunirá o próximo 27 de xuño, utilizará como instrumento de traballo o borrador existente na actualidade. A continuación, xa en xullo e setembro, avanzarase nas achegas do sector por medio de dúas reunións de cada unha das catro mesas de traballo propostas (mesa sociocomunitaria, mesa de creación, mesa de industrias culturais e mesa de distribución e promoción).

A previsión é que o Plan Galego das Artes Escénicas estea finalmente redactado en outubro. A súa presentación a toda a sociedade será en novembro mediante a organización dunhas xornadas específicas para este fin, momento a partir do que se comezará coa súa implantación a todos os niveis institucionais, empresariais e sociais.

Documentación