Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

OS ALUMNOS DE PORTUGUÉS MANTIVERON UN ENCONTRO CON ABEL NEVES E RUI MADEIRA, AUTOR E DIRECTOR DE 'SABE DEUS PINTAR O DIABO'

Cultura e Educación achegou a actualidade teatral de Portugal aos estudantes de Filoloxía da Universidade de Santiago dentro do programa Troco x Troco

[31/10/2013] O programa de intercambio teatral Troco x Troco, impulsado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a asociación portuguesa Cena Lusófona, foi o marco dun encontro celebrado esta mañá na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela arredor da obra ‘Sabe deus pintar o diabo’, que a Companhia de Teatro de Braga (CTB) pon en escena hoxe ás 20.30 horas no Salón Teatro.

Detalle do cartaz de Sabe deus pintar o diabo

O recoñecido dramaturgo portugués Abel Neves, quen escribiu este texto especificamente para a súa posta en escena pola CTB, e o director do espectáculo e responsable artístico da compañía, Rui Madeira, protagonizaron esta sesión durante a que os alumnos de Portugués da USC tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man as liñas mestras do espectáculo que se presenta en Compostela dentro deste circuíto de intercambio entre as escenas galega e portuguesa.

O teatro como servizo público
Manuel Guede Oliva, director do Centro Dramático Galego (CDG), e Carlos Quiroga, profesor de Literatura e Lingua portuguesas da Universidade de Santiago, asistiron tamén ao encontro durante o que, ademais de afondar nas distintas fases dun proceso creativo que comezou coa elaboración ex profeso do texto, os relatores abordaron o papel do teatro como servizo público e o panorama escénico actual no país veciño.

Organizada polo Centro Dramático Galego en colaboración co Núcleo de Estudos Lusófonos da USC, esta actividade encádrase así mesmo na liña de colaboración que a compañía pública galega mantén aberta con diferentes entidades teatrais de Portugal. A prioridade é recuperar e normalizar as relacións entre ambas as escenas, de xeito que o diálogo teatral transcenda o ámbito exclusivamente profesional para implicar tamén os espectadores.

Neste sentido e do mesmo xeito que sucedeu a pasada semana no encontro entre o equipo do Teatro Nacional Dona María II de Lisboa e os alumnos de Portugués da Escola Oficial de Idiomas, este tipo de iniciativas complementarias facilitan o achegamento ao teatro luso dos estudantes de lingua portuguesa a través de nomes de referencia dentro do actual panorama escénico de Portugal.

Documentación