[09/04/2013] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través do Centro Dramático Galego (CDG), colabora coa Aula de Teatro da Universidade da Coruña-TeatroNORMAL na posta en escena da súa versión de A burla do galo, de Roberto Vidal Bolaño, que estrea mañá mércores 10, ás 20.30 horas, no Teatro Rosalía de Castro como parte do cartel do XX Festival Internacional de Teatro Universitario da Coruña.
O espectáculo, dirixido por Rubén Ruibal, insírese así mesmo na programación de 2013 do CDG, dedicada en exclusiva á figura e obra do autor compostelán como primeiro profesional do teatro homenaxeado no Día das Letras Galegas. No marco deste programa especial, a compañía institucional puxo en marcha unha liña de apoio ás aulas de teatro das tres universidades galegas para a produción e distribución das súas respectivas propostas escénicas arredor da obra de Vidal Bolaño. En concreto, o Centro Dramático Galego colabora na mobilidade destes espectáculos polas mostras e festivais de teatro universitario de Galicia, así como na cesión de atrezzo e material escenográfico.
Versión libre
TeatroNORMAL presenta A burla do galo como unha "versión libre e non moi respectuosa" da obra que Vidal Bolaño escribira por encargo do Centro Dramático Galego para levar ás táboas no ano 2000 baixo a dirección de Xan Cejudo. Co subtítulo Vida e amores de Don Esmeraldino da Cámara Mello de Lima, Vizconde de Ribeirinha e Galo de Portugal, a peza recupera o personaxe do relato O galo de Portugal, que se atopa na obra de Álvaro Cunqueiro Merlín e familia, como inspiración á hora de se achegar ao mito de Don Xoán desde unha perspectiva eminentemente galega.
Na adaptación da compañía universitaria coruñesa, Rubén Ruibal conta cun elenco de nove actores e actrices, encabezado por Miguel Medina no papel de Don Esmeraldino e do que tamén forman parte Mélani Corral, Bea Martínez Figueroa, Sara Fernández Baldomir, Amelia da Silva, Laura Blanco Mata, Leni Prieto, Diego Franquiera e Marcelino Fuentes. Ademais, Iván Casal encárgase do espazo escenográfico e do atrezzo, Roberto Casteleiro (Koroiev) asina o espazo sonoro e Afonso Castro, a iluminación. No equipo artístico figuran tamén Laura Mariño e Santi Manteiga como axudantes de dirección.
En xira
Trala estrea de mañá no Festival Internacional de Teatro Universitario de Coruña, para a que a entrada é libre ata completar a capacidade do Rosalía, A burla do galo representarase o vindeiro 16 de abril no Auditorio Municipal de Vigo dentro da XV Mostra Internacional de Teatro Universitario (MITEU), o 24 de abril no Teatro Principal de Ourense como parte da décimo sétima edición da MITEU no campus ourensán e o 2 de maio no Salón Teatro de Santiago de Compostela na XIV Mostra de Teatro Universitario de Galicia (MOTUG).
Nesta colaboración co ámbito universitario, o Centro Dramático Galego apoia igualmente outros dous traballos escénicos arredor das obras de Vidal Bolaño: RVB 2013, espectáculo que este sábado estrea a Aula de Teatro Universitario de Ourense-Compañía de Teatro Cordelia (2º nivel) da Universidade de Vigo, con dirección e dramaturxia de Elena Seijo e Fina Calleja, e Animaliños, que a Compañía de Teatro da USC-Lugo estreou o pasado 12 de marzo baixo a dirección de Paloma Lugilde e coa que tamén está a desenvolver unha xira polas diferentes mostras e festivais universitarios de Galicia.