Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A FORMACIÓN DE SÃO PAULO REPRESENTA UN MOSAICO DE 24 HISTORIAS CURTAS, FRAGMENTADAS E ENTRELAZADAS, QUE FALAN DA VIDA NA METRÓPOLE A TRAVÉS DUNHA TRINTENA DE PERSONAXES DE DIVERSAS ORIXES

O Salón Teatro ofrece mañá a única función en España da brasileira Companhia do Feijão co espectáculo "Mire veja"

[04/06/2012] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presenta mañá martes 5, ás 20.30 horas, no Salón Teatro de Santiago de Compostela o espectáculo
Mire veja da Companhia do Feijão, na que será a única representación en España desta recoñecida formación procedente da cidade brasileira de São Paulo.

Mire veja

Adaptación libre da galardoada novela Eles eram muitos cavalos, de Luiz Ruffato, Mire veja ofrece ao espectador un total de 24 historias curtas, fragmentadas e entrelazadas, que falan da vida na metrópole a través das persoas de diversas orixes e clases sociais que a habitan. Durante os setenta minutos que dura a peza, unha trintena de personaxes soben a escena sen se atopar entre eles, de xeito que -como sinala a compañía- "as historias se encadean como flashes no tempo imposible da grande cidade" para configurar "un mosaico a partir do que é posible albiscar unha parte dese universo tan densamente poboado pola diversidade".

Intercambio con Portugal
A compañía brasileira chega a Galicia convidada polo Centro Dramático Galego (CDG) no marco da liña de colaboración e intercambio con Portugal -en especial, co colectivo Cena Lusófona e a súa rede teatral en Braga, Coimbra, Almada e Évora-, que Manuel Guede Oliva subliñou como unha das prioridades no inicio da súa nova etapa á fronte da dirección da compañía pública galega.

De feito, Mire veja represéntase en Santiago despois de se exhibir a pasada semana na I Mostra São Palco, que se está a desenvolver en Coimbra como parte da programación "fóra de portas" do FITEI (Festival Internacional de Teatro de Expressão Ibérica). O encontro que organiza O Teatrão, compañía residente de Coimbra, está dedicado ao chamado "teatro de grupo", movemento escénico xurdido a finais dos noventa en São Paulo e que está considerado como un dos máis ricos e polifacéticos da creación artística contemporánea a nivel internacional.

Recoñecemento público
Con dirección e dramaturxia de Pedro Pires e Zernesto Pessoa, cinco actores e actrices (xunto con eles dous, Fernanda Haucke, Guto Togniazzolo e Vera Lamy) son os encargados de dar vida ás numerosas personaxes anónimas de Mire veja, que a Companhia do Feijão escenifica desde o ano 2003 cun importante éxito de público e crítica, segundo a que este traballo colectivo confirmou a formación paulista como un dos grupos brasileiros máis interesantes e consistentes no ámbito das novas linguaxes escénicas. No ano da súa estrea, a montaxe foi galardoada co premio ao mellor espectáculo pola Associação Paulista de Críticos de Artes e co Premio Shell nunha categoría especial que recoñeceu a súa concepción e creación.

A Companhia do Feijão, da Cooperativa Paulista de Teatro, é unha formación teatral estable con base na cidade de São Paulo desde 1998. O seu obxectivo é a busca de linguaxes escénicas baseadas no traballo do actor/narrador e na creación colectiva, abordando historias sobre a realidade da sociedade brasileira a partir de obras literarias, traballos de campo e documentos históricos. Como defensores da inclusión social a todos os niveis, os seus integrantes procuran presentar as súas montaxes ante públicos e en lugares onde normalmente non chega o teatro.

Con Mire veja, a formación pecha unha triloxía da que forman parte tamén as súas dúas creacións anteriores: O Ó da Viagem e Antigo 1850. Así, tralos espectáculos dedicados ao sertão nordestino e ás áreas periféricas urbanas, o ciclo conclúe cunha ollada ao corazón da gran cidade, facendo zoom sobre as vidas de persoas anónimas.

As entradas para asistir á súa función en Santiago de Compostela están xa a venda a través da web de Novagalicia Banco e do teléfono 902 43 44 43. Tamén poden adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro, que abre ao público mañá a partir das 18.30 horas. O seu prezo é de 10 euros, con desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven, desempregados e determinados colectivos profesionais.

Documentación