Prazo: 01/02/2008 - 31/03/2008
Descrición: O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais publica, en colaboración coa editora Dos Acordes, a colección Ars Gallaeciae Musicae (AGM), publicacións de música impresa que acollen obras de recoñecido interese de compositores/as galegos/as.
Dende 2005 AGM dá cabida á música para banda na súa serie denominada Ávrego (anteriormente Ventos de Galicia), que sacou á luz títulos como A mi pueblo Ponteareas, de Reveriano Soutullo, Pequena rapsodia galega, de Víctor Ureña Revuelta, ou os inminentes A noite do Santo Cristo, de Higinio Cambeses, e Non chores Sabeliña, suite para banda, de Gustavo Freire.
Avanzando na idea de recuperación de pezas relevantes da música para banda e como apoio aos novos/as creadores/as, o IGAEM, en colaboración coa Federación Galega de Bandas de Música, abre agora esta serie á edición de obras de música para banda de compositores/as actuais.
Unha comisión de valoración estudará a calidade das obras presentadas e realizará a súa proposta de edición, que deberá ser aprobada polo Consello Reitor do IGAEM.
Dirixido a: Compositores/as galegos/as actuais.
Requirimentos: Os interesados deberán remitir dúas copias impresas dos traballos (máximo tres por autor):
-Xunto coa partitura deberase acompañar currículo do autor, comentario ou sinopse da obra presentada e datos de contacto do autor, así como gravación ou documento midi da obra en caso de dispoñer dela.
– Os autores das obras finalmente seleccionadas deberán achegar o traballo en soporte electrónico, en programa finale ou semellante. Así mesmo, as partes instrumentais só serán necesarias no caso das obras seleccionadas e serán requiridas no seu momento.
– Dos traballos non seleccionados para a súa edición dentro da serie Ávrego, a comisión de valoración realizará unha escolla de entre tres e cinco susceptibles de estar á venda a través da web da editora Dos Acordes, sempre en conformidade cos autores.
– Os traballos non seleccionados serán destruídos.
Dirixirse a: Federación Galega de Bandas de Música Populares
Rúa Anxeriz, 3, Baixo–2
15895 Milladoiro. Ames (A Coruña)
Apdo. Correos 851 (C.P. 15706, Santiago de Compostela)
Telf./Fax: (+34) 981 591 895
Móbil: (+34) 615 324 727
E-mail: fgbmp@fgbmp.org
« Volver