A Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) apoia a presenza galega no PrimaveraPro colaborando coa organización deste encontro profesional, que se desenvolve do 26 ao 28 de maio en Barcelona no marco do Festival Primavera Sound, na celebración de showcases de seis grupos galegos (catro deles no escenario Showcase e dous no VICE).
Con tal motivo, a Agadic achegará ao PrimaveraPro unha proposta de 10 bandas, que deberán estar representadas así mesmo por empresas galegas e axustarse ao estilo musical promovido polo festival barcelonés, tendo preferencia aquelas con disco publicado en 2010-2011 ou con previsión de editalo nos vindeiros meses.
Un comité integrado por persoal da Axencia e expertos do sector será o encargado de preseleccionar estes 10 grupos galegos, de entre os que a organización do PrimaveraPro elixirá os seis que finalmente actuarán no encontro.
Ademais dos gastos de aloxamento e desprazamento, os grupos contarán co apoio da organización na produción dos showcases e na promoción dos mesmos entre o público do festival e os profesionais acreditados. Facilitaráselles, así mesmo, acreditacións para os tres días de celebración do Primavera Sound (Pro e Festival), entre outras achegas.
Os grupos interesados teñen de prazo ata o 21 de febreiro para remitir ou presentar a súa solicitude, acompañada dun dossier da banda e dunha copia do seu último traballo discográfico, no seguinte enderezo (indicando no sobre "SOLICITUDE PRIMAVERAPRO"):
Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic)
Rúa da Vesada, s/n. San Lázaro
15703 Santiago de Compostela
Máis información sobre o PrimaveraPro en: http://www.primaverasound.com
Prazo: 14/02/2011 - 21/02/2011
« Volver