-OBRA GAÑADORA NA MODALIDADE DE TEATRO PARA ADULTOS: Pedra sobre pedra, de Xosé A. Neira Cruz
-OBRA GAÑADORA NA MODALIDADE DE TEATRO PARA RAPACES: Fábula galénica, de Inacio Vilariño
VIII PREMIO BARRIGA VERDE DE TEXTOS PARA TEATRO DE MONICREQUES. MODALIDADE PARA ADULTOS: Pedra sobre pedra, de Xosé A. Neira Cruz
O xurado decidiu conceder este premio, por maioría, á obra Pedra sobre pedra, da que destaca a súa versatilidade estrutural, que fai que o texto poida resultar acaído para montaxes tanto de pequeno coma de gran formato, sen perder por iso a súa identidade como espectáculo; a capacidade para demostrar que un motivo artístico tradicional, como é o do Pórtico da Gloria, pode ser susceptible de tratamentos novidosos; finalmente, o suxerente que o texto resulta non só no nivel literario senón tamén no escenográfico ou mesmo técnico.
Xosé A. Neira Cruz sitúa esta peza no momento da construción do Pórtico da Gloria, co Mestre Mateo "afanado en protexer a evolución e remate" da súa gran obra que, malia todos os atrancos, chegou aos nosos días como unha das máis impresionantes mostras escultóricas do Románico europeo. Como explica o autor, Pedra sobre pedra conta "a historia dunha infamia frecuente: a vivida polos que sofren o expolio das súas ideas, dos seus proxectos, dos seus soños... con total impunidade".
XOSÉ A. NEIRA CRUZ
Escritor, xornalista e profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, Xosé A. Neira Cruz (Santiago de Compostela, 1968) deuse a coñecer como narrador en 1988, cando gañou o Premio Merlín. Desde entón, acadou outros galardóns: o Barco de Vapor en 1997 e 1999, o Merlín, que volveu gañar no ano 2000, o Premio Raíña Lupa, acadado no ano 2002 e o Premio Lazarillo, que lle foi outorgado en 2004 polo texto de teatro infantil A noite da raíña Berenguela. A súa obra foi tamén destacada con dous Premios Lecturas (concedidos polos lectores das bibliotecas galegas), e foi seleccionada pola Biblioteca Internacional da Xuventude de Múnic para a Lista de White Ravens e polo Banco del Libro de Venezuela, que considerou en 2006 que a súa novela O armiño dorme era unha das dez mellores obras xuvenís do mundo publicadas nese ano.
Se ben a maior parte da súa obra sitúase na narrativa, tamén frecuentou o xénero teatral, tendo sido levadas a escena dúas obras da súa autoría, Cando a noite cae, representada pola compañía Teatro da Falúa en 2007 e merecente do 2º Premio "Galiza crea" de teatro afeccionado da Xunta de Galicia, e Valdemuller, adaptada teatralmente polo Centro Dramático Galego baixo a dirección de Pablo Vergne.
En 2008 fíxose co Premio Barriga Verde de textos teatrais para monicreques (modalidade infantil) coa obra O punto da escarola, publicada por Baía Edicións, que será levada á escena proximamente pola compañía Acontrabutaca. No eido da poesía foi galardoado en 2007 co Premio Fiz Vergara Vilariño pola obra De esparto e seda (Espiral Maior, 2008).
Á parte da súa faceta de creador, dedícase á investigación no ámbito do xornalismo e da literatura infantil, tendo sido convidado para impartir cursos e conferencias sobre o libro e a lectura en Alemaña, Brasil, Cuba, China, Sudáfrica, Colombia e Francia. Asemade, fundou a revista Fadamorgana, da que é director. Entre os anos 2000 e 2004 foi membro do comité executivo de IBBY e presidente do xurado internacional do Premio IBBY-Asahi Reading Promotion durante o período 2002-2004. Comisario de exposicións de relevo internacional, como a titulada "A viaxe a Compostela de Cosme III de Médicis" (S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, outubro de 2004-xaneiro de 2005), director de varios cursos de verán da Universidade de Santiago, foi tamén cofundador da compañía de teatro Bicodobrelo.
Entre a súa bibliografía, hai que sinalar os seguintes títulos:
-Ó outro lado do sumidoiro. Premio Merlín 1988 (Xerais, 1989).
-Valdemuller. Premio O Barco de Vapor 1997 (SM, 1998). Traducida ao castelán, catalán e portugués.
-Os ollos do tangaleirón. Premio O Barco de Vapor 1999 (SM, 2000). Traducida ao castelán.
-As cousas claras. Premio Merlín 2000 (Xerais, 2000). Traducida ao castelán, catalán e portugués.
-O armiño dorme. Premio Raíña Lupa 2002; Lista de White Ravens da Biblioteca Internacional da Xuventude de Múnic; "Los mejores de 2006" do Banco del Libro de Venezuela (Galaxia, 2003). Traducida ao castelán, catalán e portugués. En curso as traducións ao francés, alemán e italiano.
-A noite da raíña Berenguela. Premio Lazarillo 2004 (Planeta-Oxford, 2005). Traducida ao castelán.
-Son adoptada, e que? Premio Lecturas 2005 (Galaxia, 2004). Traducida ao castelán, catalán, asturiano, vasco, aragonés, asturiano e coreano.
-Gatos e leóns (Planeta-Oxford, 2006). Traducida ao castelán. En curso a tradución ao portugués e ao alemán.
-O prodixio dos zapatos de cristal (Galaxia, 2008). Incluida na lista de White Ravens da Biblioteca Internacional de Múnic.
-O punto da escarola (Baía-Agadic, 2008). Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques (modalidade infantil).
-Sopa de xarabe de amora (Xerais-Agadic, 2010). Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil.
-O medo de Mo (MacMillan, 2010). Traducida ao castelán.
-Unha costura no tempo (Oxford, 2010). Taducida ao castelán e catalán.
VIII PREMIO BARRIGA VERDE DE TEXTOS PARA TEATRO DE MONICREQUES. MODALIDADE PARA RAPACES: Fábula galenica, de Inacio Vilariño
O xurado acordou conceder o premio, por maioría, á obra titulada Fábula galénica, salientando de xeito especial o feito de que a acción dramática se desenvolva nunha estrutura marco orixinal, que permite múltiples posibilidades á hora de concretarse escenicamente. Tamén que a obra transcorra nunha variedade de espazos que se relacionan de xeito dinámico, así como a sinxeleza dunha historia que, porén, mobiliza unha ampla variedade de personaxes que, malia estaren maiormente inspirados no mundo das fábulas tradicionais, resultan ben actuais. Finalmente, a frescura e axilidade dos diálogos.
Fábula galénica, onde "hai animais que falan como as persoas e persoas que se comportan como animais", conta as aventuras do burro da tía Lola, personaxe inmortalizado polos gaiteiros Os Dezas de Moneixas no pasodobre do mesmo nome.
IGNACIO VILARIÑO SANMARTÍN
Ignacio Vilariño Sanmartín licenciouse en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Comezou a traballar coa compañía de monicreques Viravolta en 1993, participando en todos os seus espectáculos como construtor e manipulador até o ano 2005, momento en que comeza a colaborar coas compañías portuguesas Teatro Caracol e Teatro do Elefante, e crea en Lisboa Fantoches Baj, proxecto que actualmente dirixe.
Dende 1999, é tamén colaborador habitual -como actor e escenógrafo- nos espectáculos de Os Quinquilláns. Foi membro fundador das compañías Seisdedos e Orfanato Albert Ansot de Gramont, así como do Museo Galego da Marioneta. Na actualidade, dirixe o proxecto expositivo galego-portugués Grandepequeno, a través do que se pretende difundir e dinamizar a cultura popular e as súas representacións de escala.
En 2009 obtivo este mesmo premio, na modalidade de teatro para adultos, pola obra Auga que non vas beber..., coeditada por Agadic e Baía Edicións en 2010.
___________________________________________________________
Anteriores premios Barriga Verde:
2009 Begoña García: Bon appétit (rapaces)
2009 Inacio Vilariño: Auga que non vas beber... (adultos)
2008 Xose A. Neira Cruz: O punto da escarola (rapaces)
2006 Breogán Riveiro: O afundimento do Tiránic (rapaces)
2005 Xosé Manuel Fernández Castro: Misterio en Guernica (adultos)
2004 Celia Díaz Núñez: Cataventos e Cia ou a verdadeira historia de Amanda, a princesa, e Leonardo, o poeta (rapaces)
2003 Gabriel Castilla Raspa: O Soñador. Pezas de títeres para adultos (adultos)
2003 Celestino Antelo Gerpe: Cucho, Coco e o dilema do 6 (rapaces)
Prazo: 18/10/2010 - 31/12/2010
Periodicidade: Anual
Dirixirse a: AGADIC
Enderezo: Rúa de Vesada s/n, San Lázaro. CP. 15703 - Santiago de Compostela
Telefono: 981 577 126 / 981 577 128 (ext. 108)
« Volver