Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais: resolución 2010

OBRA GAÑADORA: Chegamos despois a unha terra gris, de Raúl Dans

Para o xurado, os elementos máis chamativos de Chegamos despois a unha terra gris son o tratamento non oportunista dun tema de actualidade, contextualizado nun conflito de máis amplo alento como é o da identidade; as personaxes femininas, moi ben deseñadas e que protagonizan de xeito absoluto a peza, creando unha singular xenealoxía de mulleres de todas as idades; o texto, dunha sobriedade moi eficaz e artellado nuns diálogos plenamente convincentes; finalmente, a orixinalidade da construción da peza e a importancia que nela ten a memoria como eixe de identidade dos individuos.

En palabras do seu autor, Chegamos despois a unha terra gris é "teatro de personaxes, da palabra como arma" onde antiheroes modernos protagonizan un "drama de feitura clásica". Mergullándose nas zonas escuras da alma humana, o texto ofrece unha mirada sobre "o estarrecedor descoñecido que todos levamos dentro" abordando as relacións de parella, os vínculos entre as persoas e as escravitudes destas unións, o inexorable paso do tempo, as frustracións, os fracasos ou as "débiles esperanzas que nos manteñen con vida".

RAÚL DANS
Autor teatral, guionista de cine e televisión e actor de dobraxe.

Dans (1964), que comezou a súa carreira como actor na histórica Compañía Luís Seoane, é un dos integrantes do colectivo fundacional de intérpretes que iniciou a dobraxe en galego, oficio ao que se dedica sen interrupción desde 1985.

En 1993 irrompe na escena da escrita teatral galega con Matalobos (Premio Rafael Dieste para Textos Teatrais). Un ano máis tarde, acada o premio Álvaro Cunqueiro de Teatro con Lugar, que o Centro Dramático Galego pon en escena en 1999. En 1997 gaña o prestixioso Premi Born coa obra Derrota.

Paralelamente, Dans desenvolve unha sólida traxectoria como dialoguista, argumentista e creador de series de ficción para a televisión -A miña sogra e mais eu, Pratos combinados, A vida por diante, Terra de Miranda…-, e recibe axudas institucionais para a redacción de dous guións de longametraxe: Fragmentos e Ás portas do paraíso.

En 2008 a editorial Espiral Maior publica todo o teatro breve do autor nun volume titulado Nun mundo hostil, coincidindo coa edición de Nachtmahr (Edicións Xerais-Agadic), finalista dos premios da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

O seu último texto publicado é unha edición revisada de Matalobos (Universidade da Coruña, 2009).

___________________________________________________________

Anteriores premios Álvaro Cunqueiro
2009 Manuel Lourenzo: Flores de Dunsinane
2008 Teresa González Costa: Sempre quixen bailar un tango
2007 Roberto Salgueiro: Historia da chuvia que cae todos os días
2006 Manuel Guede: Ocaso Otero
2005 Rubén Ruibal: Limpeza de sangue
2004 Antón Lopo: Os homes só contan até tres
2003 Siro López: Hai que confiar na esperanza
2002 Roberto Salgueiro: Molière final
2001 Afonso Becerra de Becerreá: Agnus patris
2000 Roberto Salgueiro: Eliana en ardentía ou Bernardo destemplado
1999 Deserto
1994 Raúl Dans: Lugar
1993 Manoel Riveiro: O prazo
1992 Andrés A. Vila e Xosé Cid Cabido: Copenhague
1991 Roberto Vidal Bolaño: Saxo tenor
1990 Agustín Magán: Os rebertes
1989 Euloxio R. Ruibal: Azos de esguello
1988 Roberto Salgueiro: O arce do xardín

Prazo: 18/10/2010 - 31/12/2010

Periodicidade: Anual

Dirixirse a: AGADIC
Rúa da Vesada s/n, San Lázaro
15703 Santiago de Compostela
Telefono: 981 577 126 / 981 577 128 (ext. 108)

Documentos relacionados
Ligazóns

« Volver