Convócase proceso de selección para a contratación, baixo a modalidade de contrato especial para artistas ao abeiro do R.D. 1435/85, de 1 de agosto, de 6 prazas de actores/actrices, para a produción do Centro Dramático Galego no ano 2010: "Salomé", a partir da obra de Oscar Wilde.
Cada praza está dotada cunha retribución mensual segundo o convenio de actores vixente e a contratación farase con cargo á aplicación orzamentaria 11.A1.432B.640 da Agadic.
A duración do contrato será de 6 meses a partir do 27/09/2010.
PROCEDEMENTO DE SELECCIÓN
Audición pública.
REQUIRIMENTOS DOS ASPIRANTES
-Nacionalidade: ser español ou nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea, ou nacional dalgún Estado ao cal, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España, lle sexa de aplicación a libre circulación de traballadores.
Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, o cónxuxe dos españois, dos nacionais dalgún dos demais estados membros da Unión Europea, cando así prevexa o correspondente tratado, e dos nacionais dalgún Estado, ao cal en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España lle sexa de aplicación a libre circulación de traballadores, sempre que non estean separados de dereito, así como os seus descendentes e os do seu cónxuxe, menores de vinte e un anos ou maiores de dita idade que vivan ás súas expensas.
Así mesmo, poderán participar os que, non estando incluídos nos parágrafos anteriores, se atopen en España en situación de legalidade, sendo titulares dun documento que os habilite a residir e poder acceder sen limitacións ao mercado laboral. En consecuencia, poderán participar os que se atopen en situación de residencia temporal ou residencia permanente, así como os refuxiados.
-Idade: ter cumpridos os dezaseis anos.
-Titulación: polas características das prazas, non terá que acreditarse titulación.
-Capacidade: non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.
Todos os requisitos enumerados bases deberán posuírse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e manterse ata o momento de toma de posesión da praza resultante deste proceso selectivo.
SOLICITUDES
-Forma: Quen desexe tomar parte na convocatoria deberá formula-la súa solicitude no modelo de instancia que figura nas bases como anexo I, xunto coa seguinte documentación:
a) Copia do D.N.I., N.I.E ou pasaporte.
Os aspirantes estranxeiros que residan en España deberán presentar, ademais, unha fotocopia cotexada da tarxeta de residente comunitario ou de familiar de residente comunitario en vigor ou, se é o caso, da tarxeta temporal de residente comunitario ou de traballador comunitario fronteirizo en vigor.
Os aspirantes que sexan nacionais da Unión Europea ou dalgún Estado ao cal, en virtude dos tratados internacionais celebrados pola Unión Europea e ratificados por España lle sexa de aplicación a libre circulación de traballadores, que non residan en España, ben por residiren no estranxeiro ou por atopárense en España en réxime de estadía, deberán presentar unha fotocopia cotexada do documento de identidade ou pasaporte.
Os familiares dos anteriores deberán presentar unha fotocopia cotexada do visado e, se é o caso, do xustificante de ter solicitado a correspondente tarxeta. De non ter solicitados estes documentos, deberán presentar os documentos expedidos polas autoridades competentes que acrediten o vínculo do parentesco e unha declaración responsable de non estar separado de dereito do seu cónxuxe , se é o caso, do feito de que o aspirante vive ás súas expensas.
b) Curriculum vitae.
c) Unha fotografía de corpo enteiro.
d) Con carácter opcional, poderán enviarse un CD, DVD ou enlace do/a solicitante con material videográfico sobre o seu traballo.
-Destinatario, lugar de presentación e prazo: As solicitudes poderán enviarse á dirección de correo electrónico centro.dramatico.galego@xunta.es, ou ben presentarse no rexistro xeral da Agadic situado na Rúa Vesada, San Lázaro s/n, 15703 en Santiago de Compostela, (tfno: 981.57.71.26), ben persoalmente, ben por calquera dos medios establecidos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común. A aquelas persoas que opten por utilizar medios telemáticos, confirmaráselles mediante correo electrónico a recepción da solicitude.
O prazo de presentación remata o 13 de xullo de 2010 (inclusive).
PROBAS
As audicións celebraranse en Santiago, na sede do Centro Dramático Galego (Rúa Nova, 34. 15705. Santiago de Compostela) ou nun local alternativo que será comunicado con antelación suficiente os días 26, 27,28 e 29 xullo, entre as 10:00 e as 14:00 horas; e entre as 15:30 e as 20:00 horas.
As 6 prazas contemplan os seguintes perfiles de personaxes:
-1 actor para Herodes
-1 actriz para Salomé
-1 actriz para Herodías
-1 actor para Yokoanán
-2 actores ou actrices para outras personaxes
As probas constarán das seguintes fases:
1. Entrevista persoal.
2. Unha proba de texto e unha proba de interpretación específicas para cada personaxe.
3. Unha improvisación coreográfica para a personaxe de Salomé.
TRIBUNAL
O tribunal encargado da selección dos candidatos estará constituído polos seguintes membros:
Presidente: O director artístico seleccionado da nova produción.
Vogais: Un experto asesor independente, designado pola directora do Centro Dramático Galego.
Secretario: Un membro do cadro de persoal administrativo da Agadic, que actuará con voz pero sen voto.
O tribunal quedará validamente constituído coa asistencia de como mínimo a metade máis un dos seus membros e a asistencia do secretario.
SINATURA DO CONTRATO
Os candidatos seleccionados disporán de 5 días naturais para presentar na Agadic a seguinte documentación:
-Copia do DNI / NIE.
-Copia da tarxeta de afiliación á Seguridade Social.
-Certificado de conta bancaria.
Prazo: 02/07/2010 - 13/07/2010
Documentos relacionados« Volver