O xurado do IV Premio "Diario Cultural" de Teatro Radiofónico decidiu por maioría outorgarlle o galardón desta edición á obra Indoor, de Vanesa Martínez Sotelo. O premio da audiencia foi para O vento da illa, de Begoña García Ferreira.
O xurado estivo composto por Ánxeles Cuña, directora de teatro e dramaturga; Ana Romaní, directora do "Diario Cultural" da Radio Galega; Ruben Ruibal, dramaturgo e co-autor da obra gañadora na anterior edición; María Paredes, coordinadora de programación da AGADIC e Camilo Franco, crítico teatral. O xurado subliñou "a escrita contemporánea da obra gañadora, Indoor, así como a orixinalidade do texto cun ritmo medido e marcado para o tempo esixido e a súa linguaxe expresiva e poética na que destaca tamén o manexo da síntese".
A autora de Indoor, Vanesa Martínez Sotelo, é actriz e dramaturga.Traballou en diferentes compañías teatrais como a Aula de Teatro da Universidade de Santiago, na compañía francesa Amphi-Théâtre, Teatro no Aramio e, na actualidade, Inversa Teatro na que prepara a estrea da obra Expostas da que é co-autora. Foi dramaturga residente para o CDG coa obra Estigma e artista en residencia para a mesma institución en 2009 co proxecto Corpo-puta-vaca-berro. Membro do consello de redacción da Revista Galega de Teatro, actualmente combina o seu traballo como actriz cos estudos de dirección de escena na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.
A gañadora do premio da audiencia, Begoña García Ferreira, estudou Xeografía e Historia e na actualidade amplía estudos en arqueoloxía na República Checa. Traballa en Praga como profesora de español. Participou en varias obras de teatro universitario e foi compoñente da compañía profesional Cachuzo Teatro. Recibiu no ano 2008 o II Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico pola obra O mal da vaca e en 2009 o Premio Barriga Verde pola obra Bon appétit.
As tres obras finalistas -Indoor, de Vanesa M. Sotelo; O vento da illa, de Begoña García Ferreira e Nunca me esquecerei de ti de David Rodríguez Rodríguez publicaranse nun libro-cd, editado por Xerais. A presentación deste libro e a entrega do premio terá lugar o vindeiro 15 de abril no seo dunha nova edición do Espazo Radioescénico, que este ano se desenvolverá no Teatro Principal de Ourense.
As tres finalistas emitíronse en diferentes programas da Radio Galega entre o 8 e o 21 de marzo. Dirixidas por Ánxeles Cuña, foron interpretadas, entre outros, por Ferando Dacosta, Fina Calleja, Sabela Gago ou Xantonio Porto Josisto entre outros. Iván Nogueira foi o responsable da realización sonora.
O Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, organizado pola Radio Galega e o Centro Dramático Galego co patrocinio da AGADIC, procura fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio e contribuír á recuperación do formato de teatro radiofónico.
ANTERIORES GAÑADORES DO PREMIO DIARIO CULTURAL DE TEATRO RADIOFÓNICO
2009 Rubén Ruibal e César Candelas por Peter Buckley (premios do xurado e do público).
2008 Begoña García por O mal da vaca (premio do xurado) e Lois Pérez por Saltimbanqui (premio do público).
2007 David Rodriguez por O Bambam (premios do xurado e do público).
Prazo: 01/12/2009 - 31/12/2009
Periodicidade: Anual
« Volver