Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Premio Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques: resolucion 2009

-OBRA GAÑADORA NA MODALIDADE DE TEATRO PARA ADULTOS: Auga que non vas beber, de Ignacio Vilariño
-OBRA GAÑADORA NA MODALIDADE DE TEATRO PARA RAPACES: Bon appétit, de Begoña García

VII PREMIO BARRIGA VERDE DE TEXTOS PARA TEATRO DE MONICREQUES. MODALIDADE PARA ADULTOS: Auga que non vas beber..., de Ignacio Vilariño

O xurado decidiu conceder este premio, por maioría, á obra Auga que non vas beber..., un texto de diálogos áxiles e irónicos, que entronca co teatro de Cachiporra na tradición de Barriga Verde, Blanco Amor e Dieste, adaptando as cantigas populares e dándolles unha dimensión dramática e un xogo rico para a escena.

Auga que non vas beber… é un musical satírico para marionetas inspirado na tradición oral anticlerical ibérica. Xuntando contos con cantos, confesións, sermóns, locucións, recomendacións, adagios, proverbios, trabalinguas, adiviñas, ditos e reditos, confeccionouse a historia do Padre Damián, párroco de Agolada, e os seus amoríos coa súa criada Carolina, muller de Xosé o muiñeiro.

IGNACIO VILARIÑO SANMARTÍN
Ignacio Vilariño Sanmartín licenciouse en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Comezou a traballar coa compañía de monicreques Viravolta en 1993, participando en todos os seus espectáculos como construtor e manipulador até o ano 2005, momento en que comeza a colaborar coas compañías portuguesas Teatro Caracol e Teatro do Elefante, e crea en Lisboa Fantoches Baj, proxecto que actualmente dirixe.

Dende 1999, é tamén colaborador habitual -como actor e escenógrafo- nos espectáculos de Os Quinquilláns. Foi membro fundador das compañías Seisdedos e Orfanato Albert Ansot de Gramont, así como do Museo Galego da Marioneta. Na actualidade, dirixe o proxecto expositivo galego-portugués Grandepequeno, a través do que se pretende difundir e dinamizar a cultura popular e as súas representacións de escala.

VII PREMIO BARRIGA VERDE DE TEXTOS PARA TEATRO DE MONICREQUES. MODALIDADE PARA RAPACES: Bon appétit, de Begoña García Ferreira

O xurado acordou conceder o premio, por maioría, á obra titulada Bon appétit, unha peza de estrutura clásica que presenta un canto á gastronomía na que están moi ben aderezados os ingredientes dramáticos e gastronómicos, conxunción que crea unha divertida intriga que se resolve con final feliz e que se adapta moi ben ao teatro de monicreques polas propostas do texto.

Bon appétit é unha comedia de amor que mestura estereotipos culturais, o gusto pola comida e a cociña experimental de palabras con poderes máxicos, dando como resultado un "prato" para espertar os sentidos.

BEGOÑA GARCÍA
Begoña García Ferreira (Santiago de Compostela, 1979) é actriz e autora teatral. A súa traxectoria escénica comezou en 1998 como actriz en grupos de teatro universitario (Ápeiron, Teutema). En 2003, coa compañía caChuzo, participa na montaxe Insomnio de Rubén Ruibal, e en 2005 escribe e interpreta con Eva Gontad Charlie’s Angel’s Sex, ambas dirixidas por Carlos Losada. A partir de 2006 céntrase na escrita de textos teatrais, guións para curtas e textos para a radio. En 2008, o seu texto O mal da vaca (Xerais, 2008) é galardoado co premio do xurado no II Premio Diario Cultural De Teatro Radiofónico, convocado pola Radio Galega e o Centro Dramático Galego.

Anteriores premios Barriga Verde:
2008 Xose A. Neira Cruz: O punto da escarola (rapaces)
2006 Breogán Riveiro: O afundimento do Tiránic (rapaces)
2005 Xosé Manuel Fernández Castro: Misterio en Guernica (adultos)
2004 Celia Díaz Núñez: Cataventos e Cia ou a verdadeira historia de Amanda, a princesa, e Leonardo, o poeta (rapaces)
2003 Gabriel Castilla Raspa: O Soñador. Pezas de títeres para adultos (adultos)
2003 Celestino Antelo Gerpe: Cucho, Coco e o dilema do 6 (rapaces)

Prazo: 19/10/2009 - 11/03/2010

Periodicidade: Anual

Dirixirse a: AGADIC
Enderezo: Rúa de Vesada s/n, San Lázaro. CP. 15703 - Santiago de Compostela
Telefono: 981 577 126 / 981 577 128 (ext. 108)

« Volver