Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil: resolución 2009

OBRA GAÑADORA: Sopa de xarabe de amora, de Xosé A. Neira Cruz

O xurado decidiu conceder por maioría o IV premio Manuel María á obra titulada Sopa de xarope de amora, unha comedia áxil e divertida, protagonizada por personaxes estrambóticos que actualizan algúns dos tradicionais contos de fadas creando unha atmosfera que estimula a imaxinación. Destaca o xurado a boa resolución dramática tanto dos personaxes coma dos escenarios onde se desenvolve a acción.

Sopa de xarope de amora presenta as peripecias do doutor Amorodo, científico ao servizo das casas reais da contorna da súa torre-laboratorio que vive tolamente namorado da apartadiza dona Chismunda. Un ataque sorpresa ao seu fogar poñerá en marcha a acción desta obra na que o humor, a parodia das linguaxes teatrais e televisivas e a crítica aos poderes establecidos está presente en todo momento.

XOSÉ A. NEIRA CRUZ
Escritor, xornalista e profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, Xosé A. Neira Cruz (Santiago de Compostela, 1968) deuse a coñecer como narrador en 1988, cando gañou o Premio Merlín. Desde entón, acadou outros galardóns: o Barco de Vapor en 1997 e 1999, o Merlín, que volveu gañar no ano 2000, o Premio Raíña Lupa, acadado no ano 2002 e o Premio Lazarillo, que lle foi outorgado en 2004 polo texto de teatro infantil A noite da raíña Berenguela. A súa obra foi tamén destacada con dous Premios Lecturas (concedidos polos lectores das bibliotecas galegas), e foi seleccionada pola Biblioteca Internacional da Xuventude de Múnic para a Lista de White Ravens e polo Banco del Libro de Venezuela, que considerou en 2006 que a súa novela O armiño dorme era unha das dez mellores obras xuvenís do mundo publicadas nese ano.

Se ben a maior parte da súa obra sitúase na narrativa, tamén frecuentou o xénero teatral, tendo sido levadas a escena dúas obras da súa autoría, Cando a noite cae, representada pola compañía Teatro da Falúa en 2007 e merecente do 2º Premio "Galiza crea" de teatro afeccionado da Xunta de Galicia, e Valdemuller, adaptada teatralmente polo Centro Dramático Galego baixo a dirección de Pablo Vergne.

En 2008 fíxose co Premio Barriga Verde de textos teatrais para monicreques (modalidade infantil) coa obra O punto da escarola, publicada por Baía Edicións, que será levada á escena proximamente pola compañía Acontrabutaca. No eido da poesía foi galardoado en 2007 co Premio Fiz Vergara Vilariño pola obra De esparto e seda (Espiral Maior, 2008).

Á parte da súa faceta de creador, dedícase á investigación no ámbito do xornalismo e da literatura infantil, tendo sido convidado para impartir cursos e conferencias sobre o libro e a lectura en Alemaña, Brasil, Cuba, China, Sudáfrica, Colombia e Francia. Asemade, fundou a revista Fadamorgana, da que é director. Entre os anos 2000 e 2004 foi membro do comité executivo de IBBY e presidente do xurado internacional do Premio IBBY-Asahi Reading Promotion durante o período 2002-2004. Comisario de exposicións de relevo internacional, como a titulada "A viaxe a Compostela de Cosme III de Médicis" (S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, outubro de 2004-xaneiro de 2005), director de varios cursos de verán da Universidade de Santiago, foi tamén cofundador da compañía de teatro Bicodobrelo.

Entre a súa bibliografía de Neira Cruz, hai que sinalar os seguintes títulos:
-Ó outro lado do sumidoiro. Premio Merlín 1988 (Xerais, 1989).
-Valdemuller. Premio O Barco de Vapor 1997 (SM, 1998). Traducida ao castelán, catalán e portugués.
-Os ollos do tangaleirón. Premio O Barco de Vapor 1999 (SM, 2000). Traducida ao castelán.
-As cousas claras. Premio Merlín 2000 (Xerais, 2000). Traducida ao castelán, catalán e portugués.
-O armiño dorme. Premio Raíña Lupa 2002; Lista de White Ravens da Biblioteca Internacional da Xuventude de Múnic; "Los mejores de 2006" do Banco del Libro de Venezuela (Galaxia, 2003). Traducida ao castelán, catalán e portugués. En curso as traducións ao francés, alemán e italiano.
-A noite da raíña Berenguela. Premio Lazarillo 2004 (Planeta-Oxford, 2005). Traducida ao castelán.
-Son adoptada, e que? Premio Lecturas 2005 (Galaxia, 2004). Traducida ao castelán, catalán, asturiano, vasco, aragonés, asturiano e coreano.
-Gatos e leóns (Planeta-Oxford, 2006). Traducida ao castelán. En curso a tradución ao portugués e ao alemán.
-O prodixio dos zapatos de cristal (Galaxia, 2008). Incluida na lista de White Ravens da Biblioteca Internacional de Múnic.
-O punto da escarola (Baía, 2008). Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques (modalidade infantil).

Anteriores premios Manuel María
2008 Teresa Gonzalez Costa: Pingueiras e tarteiras
2007 Carlos Losada: Game Over
2006 Paula Carballeira: Boas Noites

Prazo: 19/10/2009 - 11/03/2010

Periodicidade: Anual

Dirixirse a: AGADIC
Rúa da Vesada s/n, San Lázaro
15703 Santiago de Compostela
Telefono: 981 577 126 / 981 577 128 (ext. 108)

« Volver