Prazo: 01/12/2008 - 13/01/2009
Descrición: A Rede Galega de Música ao Vivo estenderase en 2009 a Cataluña grazas ao acordo establecido entre a Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC) e o Institut Català de les Indústries Culturals (ICIC) para a programación de música galega en salas pertencentes á Associació de Sales de Concerts de Catalunya (ASACC), creada en 2001 e integrada na actualidade por máis de cincuenta locais.
Esta programación específica desenvolverase de febreiro a maio e de setembro a novembro nun mínimo de catro salas e nun máximo de doce, segundo as condicións establecidas na normativa anexa.
Prazos de inscrición
Para grupos ou solistas: do 3 ao 15 de decembro de 2008, ás 14.00 h, de 2008 a a través de www.galescena.info.
Para salas: do 17 de decembro de 2008 ao 13 de xaneiro de 2009 a través de www.galescena.info.
Condicións de participación das salas
-Poderá participar na programación calquera sala de música en vivo integrante de ASACC.
-Cada sala participante deberá realizar un mínimo de dous bolos, se participa nun trimestre de programación, ou catro bolos se participa nos dous trimestres de programación. O máximo de bolos por sala será de oito.
-As salas participantes deberán facilitarlle aos grupos participantes as follas de recadación da billeteira no mesmo día da actuación e cubrir os datos de asistencia na páxina www.galescena.info na semana seguinte á mesma.
Condicións de participación dos grupos
-Poderá participar nesta programación calquera formación musical galega, previa inscrición na páxina web: www.galescena.info (dándose de alta no sistema a través do banner RGMV Catalunya) nos prazos indicados.
-Cada grupo especificará o seu caché máximo de contratación, que en ningún caso poderá superar os 1.250 euros por actuación.
-Na ficha técnica deberá describirse o rider técnico necesario así como as restantes condicións precisas para o correcto desenvolvemento da actuación.
-Para que un grupo poida entrar na programación deberá contratar un mínimo de dúas actuacións.
Condicións económicas e técnicas de participación
-O ICIC (mediante un convenio de colaboración coa AGADIC) aboará a cada formación musical o importe do caché correspondente a cada unha das actuacións.
-Os gastos de transporte e aloxamento non serán por conta da sala, salvo acordo contrario.
-Os restantes gastos, incluídos os relativos a dereitos de autor, serán por conta da sala.
-O importe da recadación será para a sala, salvo acordo en contrario entre a sala e o grupo participante.
-Cada formación poderá realizar unha única actuación en cada sala.
-As salas facilitarán o rider técnico descrito na ficha de cada grupo. Admitiranse acordos bilaterais que modifiquen o rider técnico, sempre e cando se formalicen por escrito.
-A alteración do calendario de actuacións estará suxeita a autorización previa por parte da AGADIC.
Proceso de programación
-O período de programación será de febreiro a maio e de setembro a novembro de 2009.
-Do 3 ao 15 de decembro ás 14.00 horas, permanecerá aberto o periodo de inscrición de grupos de música ou solistas, que deberá realizarse a través da páxina web: www.galescena.info. Na páxina os grupos deberán cubrir a ficha técnica e artística, incorporar dúas imaxes válidas para as accións de promoción e facilitar a descarga de dous temas musicais.
-Os grupos indicarán cal é o seu caché máximo. A contratación poderá realizarse por este caché máximo ou por calquera inferior.
-Dende o 17 de decembro ata o 13 de xaneiro ás 14.00 horas permanecerá a fase de programación para as salas a través da páxina web: www.galescena.info. Cada sala deberá relacionar os grupos que desexa programar, o caché acordado e a data proposta para o bolo. O caché e a data deberán acordarse previamente co grupo.
-Dende a AGADIC comprobarase o cumprimento dos mínimos de contratación por parte dos grupos. Aqueles que non cumpran os mínimos de contratación serán excluídos. Excepcionalmente poderá exceptuarse do cumprimento do límite mínimo a un máximo de tres grupos.
-Coas programacións definitivas, a AGADIC asinará os contratos con cada unha das salas participantes e enviará toda a programación ao ICIC para que realicen os pagamentos a cada un dos grupos participantes na programación.
-As salas poderán, previo acordo cos grupos realizar, modificacións no calendario de actuación do segundo trimestre ata o 30 de xuño. A partir desta data a cancelación unilateral das actuacións dará lugar a unha indemnización equivalente ao caché previsto e será causa de rescisión do contrato.
Dirixido a: Calquera formación musical galega e ás salas integradas na Associació de Sales de Concerts de Catalunya (ASACC).
Dirixirse a: AGADIC
Departamento de Programación
981 577 126 ext. 103
programacionagadic.1@xunta.es
« Volver