Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Premio Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques: resolución 2008

OBRA GAÑADORA NA MODALIDADE DE TEATRO PARA RAPACES: O punto da escarola, de Xosé A. Neira Cruz

O premio foi declarado DESERTO na modalidade de teatro de monicreques para público adulto.

XOSÉ A. NEIRA CRUZ naceu en Compostela en 1968. Escritor, xornalista e profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, deuse a coñecer como narrador en 1988, cando gañou o Premio Merlín. Desde entón, acadou outros galardóns: o Barco de Vapor en 1997 e 1999, o Merlín, que volveu gañar no ano 2000, o Premio Raíña Lupa, acadado no ano 2002 e o Premio Lazarillo, que lle foi outorgado en 2004 polo texto de teatro infantil A noite da raíña Berenguela. A súa obra foi tamén destacada con dous Premios Lecturas (concedidos polos lectores das bibliotecas galegas), e foi seleccionada pola Biblioteca Internacional da Xuventude de Múnic para a Lista de White Ravens e polo Banco del Libro de Venezuela, que considerou en 2006 que a súa novela O armiño dorme era unha das dez mellores obras xuvenís do mundo publicadas nese ano.

Se ben a maior parte da súa obra sitúase na narrativa, tamén frecuentou o xénero teatral, tendo sido levadas a escena dúas obras da súa autoría, Cando a noite cae, representada pola compañía Teatro da Falúa en 2007 e merecente do 2º Premio "GZCrea" de teatro afeccionado da Xunta de Galicia, e Valdemuller, adaptada polo Centro Dramático Galego baixo a dirección de Pablo Vergne. No eido da poesía, foi galardoado en 2007 co Premio Fiz Vergara Vilariño pola obra De esparto e seda (Espiral Maior, 2008).

Á parte da súa faceta de creador, dedícase á investigación no ámbito do xornalismo e da literatura infantil, tendo sido convidado para impartir cursos e conferencias sobre o libro e a lectura en Alemaña, Brasil, Cuba, China, Sudáfrica, Colombia e Francia. Asemade, fundou a revista Fadamorgana, da que é director. Entre os anos 2000 e 2004 foi membro do comité executivo de IBBY e presidente do xurado internacional do Premio IBBY-Asahi Reading Promotion durante o período 2002-2004. Comisario de exposicións de relevo internacional, como a titulada A viaxe a Compostela de Cosme III de Médicis (S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, outubro de 2004-xaneiro de 2005), director de varios cursos de verán da Universidade de Santiago e cofundador da compañía de teatro Bicodobrelo, Neira Cruz foi nomeado recentemente comisario do 32º Congreso Internacional de IBBY, que terá lugar en Santiago de Compostela no ano 2010.

Entre a súa bibliografía, hai que sinalar os seguintes títulos:
-Ó outro lado do sumidoiro. Premio Merlín 1988 (Xerais, 1989).
-Valdemuller. Premio O Barco de Vapor 1997 (SM, 1998). Traducida ao castelán, catalán e portugués.
-Os ollos do tangaleirón. Premio O Barco de Vapor 1999 (SM, 2000). Traducida ao castelán.
-As cousas claras. Premio Merlín 2000 (Xerais, 2000). Traducida ao castelán, catalán e portugués.
-O armiño dorme. Premio Raíña Lupa 2002; Lista de White Ravens da Biblioteca Internacional da Xuventude de Múnic; "Los mejores de 2006" do Banco del Libro de Venezuela (Galaxia, 2003). Traducida ao castelán, catalán e portugués. En curso as traducións ao francés, alemán e italiano.
-A noite da raíña Berenguela. Premio Lazarillo 2004 (Planeta-Oxford, 2005). Traducida ao castelán.
-Son adoptada, e que? Premio Lecturas 2005 (Galaxia, 2004). Traducida ao castelán, catalán, asturiano, vasco, aragonés e coreano.
-Gatos e leóns (Planeta-Oxford, 2006). Traducida ao castelán. En curso a tradución ao portugués e ao alemán.

O punto da escarola
Divertimento teatral para a infancia ideado para ser representado con monicreques e co concurso da música. De feito, o subtítulo da obra é Titiriópera en tres actos composta polo Mestre Choupín para ser representada no Salón do Trono do Real Formigueiro da Horta. Mordaz, caricaturesca, unha miga irreverente e chea de humorismo, a obra pretende ser unha homenaxe implícita á profesión de titiriteiro, ao tempo que bota man de personaxes e situacións conectadas co imaxinario infantil. A trama desenvólvese nun claro da horta, onde o Mestre Choupín, un saltón enxeñoso, músico diletante e titiriteiro da legua, anda á procura do punto final para a ópera que ha ter que representar en breve diante da Raíña no Salón do Trono do Real Formigueiro da Horta. Arredor deste punto de partida iranse enleando personaxes, situacións e parodias que atopan na ponte entre literatura e música a súa canle de expresión e a súa razón de ser.

Anteriores premios Barriga Verde:
2006 Breogán Riveiro: O afundimento do Tiránic (rapaces)
2005 Xosé Manuel Fernández Castro: Misterio en Guernica (adultos)
2004 Celia Díaz Núñez: Cataventos e Cia ou a verdadeira historia de Amanda, a princesa, e Leonardo, o poeta (rapaces)
2003 Gabriel Castilla Raspa: O Soñador. Pezas de títeres para adultos (adultos)
2003 Celestino Antelo Gerpe: Cucho, Coco e o dilema do 6 (rapaces)

Prazo: 13/10/2008 - 31/12/2008

Periodicidade: Anual

Dirixirse a: AGADIC
Enderezo: Rúa de Vesada s/n, San Lázaro. CP. 15703 - Santiago de Compostela
Telefono: 981 577 126 / 981 577 128 (ext. 108)

Ligazóns

« Volver