[24/04/2012] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza no Salón Teatro de Santiago o ciclo de concertos "ST Música Presente", dentro do que este xoves 26 de abril, ás 21.00 horas, actúa o grupo galego de folk Riobó para presentar os temas do seu debut discográfico homónimo, editado polo selo Zouma Records.
O apelido de Begoña Riobó, unha das violinistas con maior proxección no panorama musical galego, non só sérvelle de nome á formación que lidera senón tamén ao seu primeiro traballo discográfico. Cunha destacada traxectoria artística, Begoña formou parte das bandas de Carlos Núñez, Susana Seivane, Anxo Lorenzo ou da orquestra folk Sondeseu. Ademais do violín, domina á perfección, instrumentos como a zanfona e a arpa céltica, da que é mestra na escola de música tradicional e-Trad en Vigo.
Pero Riobó non é un proxecto solista. Así, canda ela, atópanse catro recoñecidos músicos que atesouran unha sólida bagaxe, e son habituais nos principais proxectos musicais de Galicia. Son Fernando Barroso (guitarra), Marcos Campos (gaita, acordeón e frautas), Xosé Liz (bouzouki) e Fernando Pérez (frautas e requinta). O virtuosismo destes músicos á hora de arranxar e interpretar melodías, fieis ás formas e á orixe da tradición galega, converten cada concerto nunha mostra de sensacións, onde conviven as raíces culturais máis puras con fórmulas interpretativas actuais.
Público especializado
O de Riobó será o segundo dos concertos desta cuarta entrega de "ST Música Presente", trala actuación ofrecida o pasado 20 de marzo pola banda marinense Liorna. A prioridade deste programa é ofrecerlles ás discográficas galegas unha canle de promoción e difusión dos seus artistas desde unha perspectiva esencialmente comercial, xa que os principais destinatarios destes directos son programadores, promotores de festivais e certames de música, distribuidores, prensa especializada e demais axentes culturais de dentro e fóra de Galicia. Os concertos ábrense, así mesmo, a todos os espectadores interesados, para o que se establece un prezo especial de 5 euros por entrada.
As próximas citas do ciclo, que conta coa colaboración da Asociación Galega de Produtoras Fonográficas (Agaphono), terán lugar o 10 de maio, coa presentación de The future is green, o novo traballo discográfico de Borja Cao Trío; o 7 de xuño, co concerto a cargo de Ugía Pedreira e Fred Martins no que interpretarán en directo os temas de Acrobata; e o 14 de xuño, coa actuación do trío musical Loaira.
Todas as actuacións terán lugar ás 21.00 horas. As entradas para o concerto de Riobó poden adquirirse a través da billeteira electrónica da 902 43 44 43 ou da web http://entradas.novagaliciabanco.es. No despacho de billetes do Salón Teatro poranse á venda a partir das 19:00 horas.