Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

QUICO CADAVAL DIRIXE ESTA PEZA DE TEATRO DE MARTIN MCDONAGH PROTAGONIZADA POR EVARISTO CALVO, VÍCTOR MOSQUEIRA, MARÍA LADO E MARCOS CORREA

Cultura e Educación presenta no Salón Teatro tres funcións de "Oeste solitario" a cargo de Producións Teatráis Excéntricas

[19/04/2012] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presenta esta fin de semana no Salón Teatro de Santiago tres funcións de Oeste Solitario, a última creación da compañía Producións Teatráis Excéntricas, que conta coa dirección escénica de Quico Cadaval. A peza, gañadora de tres premios María Casares 2012 e finalista aos Premios Max de Artes Escénicas na categoría de Mellor Espectáculo Revelación, poderá verse no escenario do Centro Dramático Galego (CDG) este venres 20 e sábado 21 ás 20.30 horas; así como o domingo 22 ás 18.00 horas.

Imaxe do espectáculo

Tras o éxito da anterior montaxe de Excéntricas, Un Cranio Furado (A Skull in Connemara), Quico Cadaval regresa de novo ao teatro irlandés co texto de Martin McDonagh que pecha a súa Triloxía de Leenane, a terra do oeste de Irlanda na que "pode pasar de todo", din. Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira interpretan ao fraterno dúo protagonista e María Lado e Marcos Correa completan o elenco interpretativo. A compañía galega tamén contou coa colaboración de Avelino González na adaptación e tradución da peza; Marcelino de Santiago "Kukas" no deseño da escenografía; Octavio Mas na iuminación e Piti Sanz no espazo sonoro.

Western doméstico
A acción de Oeste Solitario desenvólvese nunha casa afastada nas terras desa latitude de Irlanda, na aldea de Leenane. Nesa morada viven os protagonistas da obra, Valene e Coleman Connor. Tan pronto como regresan do funeral do seu pai -morto nun accidente de caza doméstico- os dous irmáns empezan a disputarse a herdanza e converten a casa nun campo de batalla. Nesta especie de western doméstico tamén interveñen Girleen, a rapariga da aldea que lles vende a augardente ilegal, e o padre Welsh, patético párroco fracasado, os que provocan, sen sabelo, un xiro inesperado na historia.

Evaristo Calvo (como mellor actor protagonista), Octavio Mas (mellor iluminación) e Avelino González (mellor adaptación-tradución) foron tres dos galardoados cos Premios de Teatro María Casares na súa XVI edición celebrada o pasado 3 de abril no Teatro Rosalía de Castro da Coruña. Ademáis, Oeste Solitario figuraba tamén como finalista nas categorías de Mellor Espectáculo, Mellor Actriz Secundaria (María Lado) e Mellor Música Orixinal (Piti Sanz). O vindeiro 30 de abril, a produción optará a un Premio Max como mellor Espectáculo Revelación por Galicia.

Estilo cinematográfico
Dramaturgo e realizador angloirlandés, Martin McDonagh (Inglaterra,1970) destaca polas súas pezas teatrais de gran brutalidade e estilo cinematográfico. Foi galardoado en 1996 co Premio do Círculo da Crítica Teatral Británica pola súa ópera prima, A raíña da beleza de Leenane, coa que inicia un ciclo de obras ambientadas no Condado de Galway (Irlanda). Esta Triloxía de Leenane inclúe tamén A skull in Connemara (1997), que Excéntricas presentou o ano pasado co título de Un cranio furado, e The Lonesome West (1999), que se presenta agora co nome de Oeste Solitario.

No ámbito audiovisual, Martin McDonagh gañou un Oscar en 2006 á mellor curtametraxe por Six Shotter, a súa primeira incursión no cine. Dous anos despois, estreou a súa primeira longametraxe, In Bruges, película gañadora dun Bafta da Academia Británica ao mellor texto orixinal e nomeada a un Oscar da Academia de Hollywood tamén na mesma categoría. McDonagh é o autor anglosaxón máis representado en América do Norte despois de William Shakespeare.

Venda de entradas
As entradas para as tres funcións de Oeste Solitario poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada representación. Tamén se poden adquirir por adiantado na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web http://entradas.novagaliciabanco.es. O prezo das localidades é de 10 euros para as funcións do venres e do sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven, desempregados e determinados colectivos profesionais) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.

Documentación