Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

MERCEDES SUÁREZ PARTICIPOU HOXE NA PRESENTACIÓN PÚBLICA DUNHA PARTE DA PEZA

Cultura e Educación apoia o espectáculo de música e danza "Gharbo!", coproducido polo Centro Coreográfico e a compañía Contra2

[12/04/2012] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia, a través da coprodución emprendida co Centro Coreográfico Galego (CCG), a estrea e difusión do espectáculo de música e danza titulado Gharbo!, creado pola compañía coruñesa Contra2. O equipo técnico e artístico da montaxe ofreceu hoxe diante de público especializado a representación dun fragmento da peza como avance da estrea que terá lugar os próximos 10 e 11 de maio no Teatro Rosalía Castro da Coruña.

Imaxe de ensaio

Con esta iniciativa, Cultura e Educación establece novos canles de colaboración cos colectivos e profesionais galegos da escena, que pasan polo asentamento de sinerxías de traballo compartido entre a Administración e o ámbito privado e inclúen tarefas conxuntas que van desde o deseño dos espectáculos ata a súa materialización e distribución mediante a prestación de servizos e materiais.

A directora do CCG, Mercedes Suárez, participou na introdución deste pase previo que se desenvolveu no Centro Cultural Ágora coa asistencia de mediadores culturais, programadores e medios de comunicación, como primeira acción cara a promoción desta proposta escénica e, ao tempo, como colofón á residencia que os artífices do espectáculo realizaron nos últimos tres días nese espazo do Concello da Coruña.

Multidisciplinar e anovador
Suárez referiuse a Gharbo!, única coprodución de 2012 da unidade de danza da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) dependente da Consellería de Educación e Cultura, como un espectáculo "multidisciplinar e anovador". Explicou tamén que o plano de coprodución, que non implica ningún tipo de asignación económica, si contempla porén o traballo conxunto realizado durante varios meses entre o CCG e a compañía Contra2, no tocante sobre todo á asistencia artística, musical e técnica (de luz e son), cesión de elementos escenográficos de atrezzo e vestiario, ademais dun servizo de análise, asesoramento e planificación de estratexias de xestión, financiamento e comercialización.

Convocatoria pública
Para a consideración deste proxecto, escollido mediante convocatoria pública, valorouse especialmente a súa calidade e interese artístico, a traxectoria profesional e solvencia da compañía e dos artistas e a súa achega ao desenvolvemento e á renovación das artes escénicas en Galicia.

Gharbo!, con dirección coreográfica de Iván Villar e dirección musical de Nelson Quinteiro, está interpretado por un elenco de 3 bailaríns (co tándem formado por Iván Villar e Pastor Rodríguez apoiado por Quinteiro en momentos puntuais) e 4 músicos (Nelson Quinteiro, Ricardo Rozas, Suso Vaamonde e Xosé Lois Romero). Estes últimos prestan as súas voces a xeito de asubíos e coros, ademais de conformar un novo ambiente sonoro como resultado da interpretación en directo con guitarra, zanfoña, acordeón, pedais e percusión dos arranxos musicais practicados a xotas, maneos, muiñeiras, pasodobres, alalás ou tangos.

Trátase da segunda montaxe de sala da compañía Contra2, que propón desta volta unha fusión entre a música e a danza tradicionais con novas formas musicais e de movemento máis experimentais. Preséntase así a fusión das danzas tradicional, clásica e neoclásica con outros sistemas de expresividade que evocan á danza moderna e mesmo ao flamenco, aínda que sen perder nunca a esencia da tradición galega.

A acción de Gharbo! desenvólvese cunha escenografía simbólica e compartida, que representa un típico galpón ou chabola mariñeira e onde o espazo convértese nun ente propio e emocional que fala das lembranzas e das actitudes colectivas e de cada un dos intérpretes. O termo Gharbo! significa para eles esa capacidade compartida de saír adiante, ese trasno, maxia, elegancia e desenvoltura no movemento corporal.

Documentación