Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

IMPARTICO POLO AUTOR E INTÉRPRETE ITALIANO MASSIMO MALUCELLI, ABORDARÁ DE XEITO PRÁCTICO A XESTUALIDADE E O COMPORTAMENTO DOS PERSONAXES ARQUETIPOS DO XÉNERO

A Consellería de Cultura e Educación ofrece no CDG un curso de Commedia Dell'arte no que participan 15 actores e actrices

[08/04/2012] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria desenvolve esta semana a través do Centro Dramático Galego (CDG) o curso titulado A commedia dell’arte e as técnicas da comedia que o autor, actor e director italiano Massimo Malucelli impartirá no Salón Teatro. Do martes 10 ao xoves 13 de abril, un total de 15 actores e actrices galegos participarán como alumnos nesta iniciativa formativa, que gozou dunha exitosa acollida entre os profesionais aos que vai destinada, como se demostrou cando a totalidade de prazas ofertadas se cubriron no mesmo momento de apertura da matrícula o pasado 5 de marzo.

Massimo Malucelli

O curso, no que Malucelli traballará fundamentalmente sobre a capacidade creativa do intérprete cómico, consta de 20 horas lectivas (con catro sesións de 10:00 a 14:00 máis outras catro horas dedicadas á mostra do traballo realizado).

Retómase así o programa de formación continua dirixido aos profesionais da escena promovido pola unidade de produción teatral dependente da Consellería de Cultura e Educación a través da Agadic (Axencia Galega das Insdustrias Culturais), que en anteriores edicións ten ofrecido xornadas de aprendizaxe con mestres como Thomas Leabhart, Mario Tomás ou Alfredo Padilla.

Sobre os personaxes arquetipos
Nesta ocasión, desde un enfoque eminentemente práctico, os 15 participantes aproximaranse da man do mestre florentino, profesor na actualidade na Universidade de Ferrara, aos diferentes personaxes arquetipos da commedia dell’arte, coa finalidade de ampliar os seus coñecementos e as súas capacidades creativas desde o punto de vista da interpretación cómica.

Así, a primeira sesión do curso comezará cunha introdución xeral ao xénero, onde se analizarán os personaxes, a organización e o desenvolvemento da escena, as máscaras, a trama ou canovaccio, a improvisación, o carácter e o traballo creativo e interpretativo dos actores que se manifesta inmediatamente no corpo, a tensión e os centros corporais, o traballo sensorial, a conexión coa situación escénica, o tratamento do espazo e o conto escénico ou o espazo físico como espazo de ficción.

Exhibición de canovaccios
Nos tres seguintes días, afondarase nas características e nas funcións dramáticas dalgúns dos personaxes arquetipos, en concreto, dos Namorados, o Capitán, o Doutor, o Pantaleone e o Zanni. Ademais de traballar a súa postura física, o seu camiñar e o seu comportamento particular, ensinaranse os seus filiais na actualidade.

Ao final de cada clase, as técnicas aprendidas serán aplicadas en diferentes exercicios de improvisacións e chistes (lazzi). Tamén está prevista, como acto de clausura do curso, unha exhibición aberta ao público dos canovaccios traballados.

Autor de 50 obras
Massimo Malucelli formouse na Universidade de Bolonia onde se graduou cum laude en Filosofía cunha tese sobre a análise dunha trama da commedia dell'arte. Estudou con grandes mestres internacionais como Sandra Seacat, Francesca de Sapio, Guiseppe Perruccio, Julie Garfield, no Actors' Studio de Nova York, (interpretación), Richard Haisma (teatro corporal), Michalkov Nichita (improvisación), no Roy Hart Theatre (técnicas vocais), Yves Lebreton (mimo) ou Antonio Fava (commedia dell'arte).

É autor de máis de 50 obras de teatro -entre textos orixinais e adaptacións- e participou como actor noutras tantas montaxes. Como director, ademais de textos propios, puxo en escena obras de teatro de Chéjov, Pirandello, Shakespeare, Petrolini ou Esopo, entre outras moitas, así como a ópera Rita de Donizetti. É, tamén, o director artístico de Teatro máis alá da néboa, un circuíto de teatro recoñecido na Rexión Emilia Romagna, e profesor adxunto na Universidade de Ferrara, onde imparte a cátedra Escena electrónica e teatro dixital.