Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A CUARTA PRODUCIÓN DA COMPAÑÍA PONTEVEDRESA PODERÁ VERSE O VENRES 17 E O SÁBADO 18 ÁS 20.30 H

Inversa Teatro reflexiona sobre o universo feminino coa posta en escena no Salón Teatro de "Paper Dolls. O silencio das damas"

[15/02/2012] Inversa Teatro convida a reflexionar sobre o universo feminino na súa proposta Paper Dolls. O silencio das damas, a cuarta produción da compañía pontevedresa que poderá verse este venres 17 e o sábado 18, ás 20.30 horas, no Salón Teatro de Santiago de Compostela. A carteleira do espazo do Centro Dramático Galego (CDG) amosa nesta ocasión un proxecto peculiar e experimental, xa que consta dunha obra de teatro e máis dun documental (Paper Dolls.doc) sobre o propio proceso de creación da peza teatral e que se proxecta ao final da representación.

Paper Dolls

A montaxe está escrita e dirixida por Lola Correa e conta coa interpretación das actrices Vanesa Sotelo e Marta Pérez. Á súa vez, o documental ten como director a Manu Paz e nel ponse de manifesto como é un proceso de creación dunha obra de teatro, dende os aspectos máis artísticos para resolver unha escena, ata as dificultades e traballos propios da produción.

Paper Dolls. O silencio das damas é un conxunto de material visual que recrea, nun presente ambiguo, as paisaxes da vida de dúas mulleres calquera para levar ao espectador a reflexionar sobre o que foi e o que é hoxe a situación da muller na sociedade. É tamén un exemplo máis da aposta de Inversa Teatro pola procura dunha linguaxe propia, obxectivo primordial desta compañía, fundada e dirixida por Marta Pérez en 2009, que fundamenta o seu traballo na convivencia de diferentes campos artísticos, como son a música e as artes escénicas, audiovisuais e gráficas.

Bonecas de papel
As Paper Dolls son as bonecas recortables daqueles anos 40-50 nos que as mulleres eran só papel, que se vestían e xogaban coa fraxilidade absoluta. A partir desta imaxe xorde esta proposta escénica, que afonda na dureza que envolve a superficialidade coa que trata a sociedade o mundo feminino e o mundo da escena. Xuntando estes dous paradoxos nos que as actrices e a directora escénica se viron envoltas -como mulleres e como creadoras-, as tres artistas centraron como idea básica a súa visión do binomio escena-muller.

A montaxe indaga sobre o que queda daquel rol nas mulleres do século XXI, sobre a idea do papel como material, como concepto, como idea e tamén como actitude de submisión. Temas como a liberdade de elección ante o aborto, a vida sexual ou a elección do pracer son formulados en Paper Dolls dende a óptica do progreso do individuo e da nova estrutura do ser feminino que está á altura do varón despois de anos de reivindicación.

As entradas para asistir ás dúas funcións no Salón Teatro poranse á venda no despacho de billetes do número 34 da Rúa Nova, aberto o venres e sábado a partir das 18.30 horas. Tamén se poden adquirir por adiantado na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web http://entradas.novagaliciabanco.es. O prezo das localidades é de 10 euros, cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven, desempregados e determinados colectivos profesionais.

Ligazóns