Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

MAXIMINO ZUMALAVE DIRIXE O RECITAL, QUE SERÁ O VENRES 19 ÁS 20:30 HORAS NO AUDITORIO DA ESCOLA

A orquestra da EAEM ofrece un concerto integrado por seis obras compostas por alumnos do centro

[17/01/2007] A orquestra de alumnos da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), baixo a dirección de Maximino Zumalave, ofrecerá o venres día 19 en Santiago de Compostela un concerto integrado por 6 obras orixinais compostas polos participantes no curso bianual de composición que impartiu o catedrático e compositor Antón García Abril como actividade da Sección de Formación Permanente da Escola.

O recital, que dará comezo a partir das 20:30 horas no auditorio que a EAEM posúe na compostelana Finca Vista Alegre, supón a estrea diante do público destas obras inéditas, compostas por músicos de entre 23 e 40 anos de idade, como parte do plano lectivo deste centro de especialización musical que xestiona a Consellería de Cultura e Deporte a través do IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais).

Integran o programa do concerto Sinfonía de cámara, de Federico Mosquera; Sexteto en forma de fantasía , de Manuel López; Ainofatnep , de Javier Ces; Aria para frauta e piano , de Cecilia Cueto; Fantasía , de Javier Comesaña e Metamorfosium , de Casiano Mouriño. As obras son o resultado da sexta edición do devandito curso, na que ao longo dos ciclos académicos 2004-2005 e 2005-2006 participaron un total de 17 estudantes que recibiron nocións de técnica compositiva, orquestración, corrección de obras e análise musical.

Catedrático de Composición e Formas Musicais do Real Conservatorio de Música de Madrid, Antón García Abril é autor dunha obra que abrangue a meirande parte dos xéneros musicais. É membro da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando e da Academia de San Luis de Zaragoza e, entre os galardóns recibidos ao longo da súa carreira, destacan os premios nacionais de Teatro e de Música outorgados polo Ministerio de Cultura. Unha das súas últimas composicións é a ópera Divinas Palabras, coa que en 1997 se inaugurou o Teatro Real de Madrid.