Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A MONTAXE, CON DIRECCIÓN E DRAMATURXIA DE ROBERTO SALGUEIRO, PODERÁ VERSE O VENRES 3 E O SÁBADO 4 ÁS 20.30 HORAS

Talía remata a súa estadía no Salón Teatro con dúas funcións de "Volpone", unha fábula sobre a avaricia e a luxuria

[01/02/2012] A compañía Talía ofrece no Salón Teatro de Santiago dúas funcións de Volpone ou comedia de Mosca, que terán lugar o venres 3 mailo sábado 4 ás 20.30 horas. Realizada baixo a dramaturxia e dirección escénica de Roberto Salgueiro a partir do clásico do dramaturgo británico Ben Jonson, a peza constitúe unha mordaz sátira da debilidade humana e de ata onde nos poden facer chegar as ansias por acumular beneficios e poder. Con estas dúas representacións, o grupo de Cee terá rematado a súa presenza dentro da programación do espazo do Centro Dramático Galego, xa que na última semana desenvolveu outras sete funcións para escolares e dúas para público xeral da súa última produción, Pelos na lingua.

Volpone

Volpone retrata satiricamente os nobres en non tan nobres señores, que teñen como principal interese reunir fortunas sen importar o ridículo que teñan que facer nin o custe que outros teñan que pagar. Un elenco de nove actores (Artur Trillo, Toño Casais, María Ordóñez, Dani Trillo, Marta Ríos, Diego Rey, Gustavo G. Dieste, David Creus e Rubén Prieto) interpreta este espectáculo no que os personaxes aparecen caricaturizados e estereotipados, con características precisas que os definen. Tanto a escenografía como o vestiario, asinados tamén por Roberto Salgueiro, así como as máscaras, realizadas por Carlos Portomeñe, apoian unha proposta moi fiel á orixinal, na que a expresividade é fundamental.

Coetáneo de Shakespeare
Estreada en 1605 baixo o título de Volpone ou o raposo, esta é a obra máis coñecida e representada de Ben Jonson (1572-1637), considerado na súa época o mellor dramaturgo do momento, por riba incluso do seu coetáneo William Shakespeare. Centrado en revitalizar a lingua inglesa e os valores morais, Jonson predica con toda claridade no seu Volpone o profunda que pode chegar a ser a estupidez do home cando deixa que a avaricia sexa o eixo da súa vida.

Na versión de Talía Teatro, Roberto Salgueiro cambia o título orixinal por Volpone ou comedia de Mosca, xa que é este personaxe do criado o fío condutor que fai e desfai, o que pon en marcha as estratexias para conseguir aquilo que o seu amo desexa. O criado Mosca, que nun principio parece quedar á marxe da sede de poder e cartos e moverse tan só por agradar ao seu amo, queda atrapado cara ao final nas mesmas redes avarentas que o resto.

Inesperado desenlace
Cun vestiario colorista que contrasta coa neutralidade dunha escenografía chea de sorpresas, esta fábula cóntanos a historia do rico ancián Volpone e as loitas dos que o rodean para facerse coa súa herdanza. Todos eles (Corvino, Corbaccio, Voltore e a Viúva) créndose os seus herdeiros, agardan ansiosos a morte do vello, pero esta tarda en chegar. O propio Volpone, coa axuda de Mosca, urde todo tipo de artimañas, cada vez máis perversas e arrevesadas, para enganar aos que se cren estafadores e quitarlles todo canto queren mentres eles non escatiman en esforzos por agradar ao vello. Un día chega ata os ouvidos de Volpone a grande beleza de Celia, a muller de Corvino, e decide que os cartos non son suficientes para conseguila. Entra en escena entón o nobre Bonario, un mozo recto que, xunto con Celia, pon cara á virtude nesta obra e fai que a acción se precipite nun divertido e inesperado desenlace.

A montaxe, non recomendada para menores de 13 anos, incide continuamente nas ansias de poder do ser humano e as súas consecuencias, así como na obsesión por acumular riquezas e propiedades, obsesión da que nesta versión de Roberto Salgueiro non escapa nin o Estado.

Venda de entradas
As entradas para asistir ás dúas representacións de Volpone poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada función. Tamén se poden adquirir por adiantado na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web http://entradas.novagaliciabanco.es. O prezo das localidades é de 10 euros, cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven, desempregados e determinados colectivos profesionais.

Documentación
Ligazóns