Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O ESPECTÁCULO REPRESÉNTASE O VENRES 13 ÁS 21.00 HORAS E O SÁBADO 14 ÁS 20.30 H

Voadora abre a programación de 2012 do Salón Teatro coa estrea de "Tokio3", unha fábula musical sobre o paraíso

[11/01/2012] O Salón Teatro de Santiago inaugura a súa programación de 2012 coa estrea este venres do novo espectáculo da compañía galega Voadora, Tokio3, unha fábula musical sobre o paraíso futuro que supón a última entrega da triloxía Lugares comúns. A montaxe, que poderá verse o venres 13 ás 21.00 horas e o sábado 14 ás 20.30 horas, combina teatro, música en vivo e danza para falar sobre a esperanza e a realidade. A carteleira bimestral do espazo escénico que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG) acollerá, a continuación, outras catro propostas de teatro, unha de danza contemporánea e dúas proxeccións de cinema.

Presentación Tokio 3

Acompañados do director da Agadic, Juan Carlos F. Fasero, e da directora do CDG, Blanca Cendán, os integrantes de Voadora presentaron hoxe Tokio3, que definen como unha viaxe ao futuro para indagar sobre o que desexamos. Péchase así o ciclo dos Lugares comúns, que a compañía iniciou en 2008 con PeriFeria, situando a acción no presente co obxectivo de abordar o tema do fracaso, e continuou en 2010 con Super8, a través do que regresaba ao pasado para poñer a proba os mecanismos selectivos da memoria.

Creación compartida
Tokio3 supón, ademais, a cuarta produción asinada por esta plataforma de creación con vínculos en Portugal, na que os seus integrantes comparten un mesmo proceso de traballo baseado no diálogo intercultural entre un grupo de actores e un equipo artístico cunha mesma liña conceptual e estética.

Marta Pazos, gañadora do Premio María Casares á Mellor Dirección en 2010 por Super8, asumiu novamente a dirección, a dramaturxia e o deseño do espazo escénico, mentres que Jose Díaz e Hugo Torres compuxeron a música orixinal do espectáculo que os tres interpretan xunto a Uxía P. Vaello, Borja Fernández e Sergio Zearreta. Para esta montaxe contaron, así mesmo, coas achegas de Baltasar Patiño no deseño de iluminación; Fany Bell, no estilismo; David Rodríguez, na sonoplastia e Uxía P. Vaello, na coreografía. Cátia Lopes exerceu como axudante de dirección e Marina Weiner e Anabell Gago, como colaboradoras na dramaturxia.

Paraísos cotiáns
Como explica a propia compañía, Tokio3 é un relato épico e intimista sobre o que esperamos da vida, sobre o que soñamos, sobre o paraíso e sobre como encaixa todo isto nunha sociedade onde o inmediato, o constante e o material deixa pouco espazo ao espiritual/emocional. Trátase dunha fábula sobre o paraíso natural que anhelamos e sobre o mundo artificial que nos espera. Deste xeito, o espectáculo fala sobre os soños e os pequenos espazos da vida cotiá que se poden converter en paraísos, nun exercicio escénico no que se debuxan as razóns do amor e se perfilan os motivos da esperanza.

Dante Alighieri, o Emperador Justiniano, Beatriz (a guía no paraíso), Picarda Donatti, o Arlequín e San Bernardo potagonizan unha historia de amor que transita entre o máis puro realismo máxico e a crúa realidade da vida. Estes seis personaxes móvense sobre unha grande montaña de area, unha especie de limbo a modo de praia, onde acontecen os soños. Neste espazo diáfono e convertible, os actores interpretan a banda sonora en directo, pois a historia é contada cunha linguaxe musical. As escenas musicais e teatrais fúndense nesta montaxe ao igual que acontece no cine clásico.

As entradas para asistir ás dúas funcións de Tokio3, así como ao resto dos espectáculos programados este bimestre, póñense á venda no despacho de billetes do Salón Teatro, aberto desde dúas horas do comezo das representacións. O prezo das localidades é de 10 euros, con descontos do 40 por cento para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven, desempregados e determinados colectivos profesionais, e de 5 euros para as funcións do domingo, día do espectador. Para o espectáculo de Voadora, tamén está dispoñible a venda anticipada a través da billeteira electrónica da web de Novagalicia Banco (http://entradas.novagaliciabanco.es).

Carteleira bimestral
Trala estrea de Tokio3, o Salón Teatro transformarase en sala de cinema para acoller o luns 16 a presentación da versión orixinal subtitulada ao galego de Pa Negre, a película de Agustí Villaronga vencedora dos Premios Goya 2011 e candidata española ao Oscar 2012 ao mellor filme de fala non inglesa. A continuación (venres 20 e sábado 21), Teatro Galileo porá en escena Sempre quixen bailar un tango, espectáculo realizado a partir da obra pola que Teresa González Costa recibiu o Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais 2008, que propón unha ollada cara ás cousas que deixamos sen facer e sen aprender ao longo da nosa existencia. Pedro Rubín dirixe a un elenco integrado por Fernando Morán, Isabel Blanco, Ana Santos e Tanas.

Pola súa banda, Talía Teatro instalarase durante dúas semanas no espazo do CDG para ofrecer catro funcións de dous dos seus últimos espectáculos. Así, o sábado 28 e o domingo 29 de xaneiro a compañía de Cee representará Pelos na lingua, un espectáculo de Avelino González, Sechu Sende, María Ordóñez e Artur Trillo que se estrutura en sketches para reflexionar sobre a situación da lingua galega. Avelino González dirixe o trío interpretativo que compoñen María Ordóñez, Toño Casais e Artur Trillo. Asemade, o venres 3 e o sábado 4 de febreiro actuará con Volpone, de Ben Johson, con dramaturxia e dirección de Roberto Salgueiro e interpretación de Artur Trillo, Toño Casais, María Ordóñez, Dani Trillo, Marta Ríos, Diego Rey, Gustavo G. Dieste, David Creus e Rubén Prieto. Esta divertida comedia retrata satiricamente a nobres e non tan nobres señores, que teñen como principal interese reunir fortunas sen importar o ridículo que teñan que facer nin o custo que outros teñan que pagar.

O cinema volverá ocupar o Salón Teatro o mércores 8 coa proxección da curtametraxe Conversa cunha muller morta, de Sonia Méndez, en tanto que a escena máis innovadora será a protagonista nas seguintes funcións previstas: o espectáculo de danza contemporánea dirixido e creado por Ana Vallés Usted está aquí, a cargo de Licenciada Sotelo e Compañía (10 e 11 de febreiro); e a montaxe de Inversa Teatro Paper Dolls. O silencio das damas (17 e 18 de febreiro). Baixo a dirección de Lola Correa, Vanesa Sotelo e Marta Pérez recrean as paisaxes da vida de dúas mulleres calquera para convidar á reflexión sobre o que foi e o que é o universo feminino.

Documentación
Ligazóns