Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O ESPAZO QUE XESTIONA O CENTRO DRAMÁTICO GALEGO PREVÉ 16 DÍAS DE APERTURA AO PÚBLICO E DIFERENTES ACTIVIDADES DE RESIDENCIA ARTÍSTICA DE CARÁCTER INTERNO

O Salón Teatro comeza 2012 cunha carteleira bimestral dedicada ás artes escénicas e ao cinema

[02/01/2012] O Salón Teatro de Santiago comeza a vindeira semana a súa programación para 2012 cunha carteleira bimestral que inclúe cinco espectáculos de teatro, un de danza contemporánea e dúas proxeccións de cinema. O espazo escénico que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG), dependente da Consellería de Cultura e Turismo a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), iniciará coa estrea do último espectáculo da compañía galega Voadora este primeiro período de actividade anual, durante o que computará un total de 16 xornadas con funcións dirixidas ao público.

Tokio3

A ocupación do Salón Teatro, que non se limita aos días de apertura aos espectadores xa que distintas formacións realizarán xornadas de residencia artística e técnica no seu escenario, iniciarase cara ao público o 13 de xaneiro coa estrea de Tokio3, a última produción de Voadora. Con dirección e dramaturxia de Marta Pazos; José Díaz, Borja Fernández, Uxía P. Vaello, Hugo Torres, Sergio Zearreta e a propis Pazos interpretan esta nova proposta, a terceira na traxectoria da compañía despois de PeriFeira e Super8.

Versión galega de Pa Negre
Tokio3 estará dous días (13 e 14 de xaneiro) no Salón Teatro, para ceder despois a quenda á proxección o luns 16 da versión orixinal subtitulada ao galego de Pa Negre, a película de Agustí Villaronga vencedora dos Premios Goya 2011 e candidata española ao Oscar 2012 ao mellor filme de fala non inglesa.

A continuación (venres 20 e sábado 21), Teatro Galileo porá en escena Sempre quixen bailar un tango, espectáculo realizado a partir da obra de Teresa González Costa galardoada co Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais 2008, no que Pedro Rubín dirixe a un elenco integrado por Fernando Morán, Isabel Blanco, Ana Santos e Tanas.

O venres 27 de xaneiro o Salón Teatro acollerá a gala dos premios Galicia Calidade que organiza cada ano Turgalicia.

Dobre presenza de Talía Teatro
Xusto despois, Talía instalarase por dúas semanas no espazo do CDG para ofrecer catro funcións de dous dos seus últimos espectáculos. Así, o sábado 28 e o domingo 29 de xaneiro a compañía de Cee representará Pelos na lingua (de Avelino González, Sechu Sende, María Ordóñez e Artur Trillo con dirección de Avelino González e interpretación a cargo de María Ordóñez, Toño Casais e Artur Trillo); en tanto que o venres 3 e o sábado 4 de febreiro actuará con Volpone (de Ben Johson con dramaturxia e dirección de Roberto Salgueiro e interpretación de Artur Trillo, Toño Casais, María Ordóñez, Dani Trillo, Marta Ríos, Diego Rey, Gustavo G. Dieste, David Creus e Rubén Prieto).

O cinema volverá ocupar o Salón Teatro o mércores 8 coa proxección da curtametraxe titulada Conversa cunha muller morta, de Sonia Méndez, en tanto que a escena máis innovadora será a protagonista nas seguintes funcións previstas, as que se corresponden co espectáculo de danza contemporánea dirixido e creado por Ana Vallés Usted está aquí, a cargo de Licenciada Sotelo e Compañía (10 e 11 de febreiro); e coa montaxe de Inversa Teatro Paper Dolls. O silencio das damas, que interpretan Vanesa Sotelo e Marta Pérez baixo a dirección de Lola Correa (17 e 18 de febreiro).