Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

RECOMENDADA PARA TODOS OS PÚBLICOS, A OBRA CONTA AS AVENTURAS DUN BARCO PIRATA MOI PARTICULAR E SOA MEMBROS DA SÚA PERIGOSA TRIPULACIÓN

Teatro do Noroeste pecha a Mostra de Teatro Infantil de Nadal coa montaxe de Eduardo Alonso "Piratas"

[29/12/2011] A compañía Teatro do Noroeste coa súa última produción, Piratas, pechará mañá venres 30 ás 19.00 horas a Mostra de Teatro Infantil de Nadal que organizada polo Centro Dramático Galego (CDG) veu desenvolvéndose ao longo desta semana no Salón Teatro de Santiago. Escrita e dirixida por Eduardo Alonso, Piratas é unha divertida montaxe -recomendada para todos os públicos pero en particular para rapaces e rapazas de 6 a 12 anos- sobre as aventuras que acontecen a bordo dun barco de bucaneiros moi especial.

Imaxe do espectáculo

A historia comeza cando un trebón fai naufragar ao bergantín "Princesa dos Mares", unha das máis temidas embarcacións piratas de todos os océanos. Algúns membros da súa perigosa tripulación conseguen sobrevivir nunha balsa, que agora é a balsa pirata "Raíña da Escuma". O terrible pirata Patachula dirixe unha tripulación composta polo grumete Mingallas, natural da illa da Tartaruga, o esforzado Ollovirollo, co seu parche no ollo e o seu papagaio Velasvir, e sobre todo, a muller pirata Cachaza. Todos eles encherán de andanzas os mares do Sur, realizando conquistas como a da famosa Illa da Flor Nacente, ou descubrindo onde se agocha o tesouro do pirata Bocanegra.

Segunda produción para nenos
Aínda que Noroeste é unha compañía galega dedicada ao teatro dirixido a adultos desde hai case 25 anos, non é a primeira vez que aborda un texto infantil, pois xa o fixera en 2000 con O País Acuático.

En Piratas, Eduardo Alonso (Premio da Cultura Galega 2010 na categoría de Artes Escénicas) asume novamente o reto de escribir e dirixir unha peza para nenos, e encárgase ademais da iluminación na súa posta en escena. Alejandro Carro, Laura Míguez, Fernando González e Victoria Pérez conforman o elenco actoral da montaxe que conta tamén co labor de Paco Conesa na escenografía e no vestiario; Brais Morán na selección musical; Títeres Cachirulo na construción de monicreques e elementos escénicos; e Luma Gómez na axudantía de dirección.

As últimas entradas para asistir á función de Piratas están á venda no despacho de billetes do Salón Teatro, que permanecerá aberto desde as 17.00 horas. Ademais, poden adquirirse por adiantado a través da web www.entradas.novagaliciabanco.es e do teléfono 902 43 44 43. O prezo das localidades é de 6 euros. Tamén está dispoñible (só na billeteira do teatro) un bono de seis entradas por 30 euros.

Coa representación de Piratas o Salón Teatro remata a súa programación de 2011. O espazo escénico que xestiona o CDG volverá a abrir ao público coa nova carteleira deseñada para 2012 o vindeiro venres 13 de xaneiro, data na que acollerá a estrea do espectáculo Tokio3 a cargo da compañía Voadora.

Ligazóns