[27/12/2011] A Mostra de Teatro Infantil de Nadal continúa mañá mércores 28 no Salón Teatro de Santiago coa posta en escena de O Gato Manchado e a Andoriña Siñá a cargo da compañía Teatro do Morcego. Organizada polo Centro Dramático Galego (CDG), a Mostra chega ao seu ecuador con esta montaxe de teatro de actor baseada nunha fábula escrita polo autor brasileiro Jorge Amado que dirixe José Prieto.
Especialmente destinada a nenos e nenas maiores de 6 anos, a última produción da compañía residente de Narón presenta as andainas dun gato que se apaixona por unha andoriña causando estrañeza en todos os outros animais que viven nun parque. A Andoriña está prometida co Ruixeñor pero, ao mesmo tempo, incentiva o amor do Gato. Suceden envurullos, o Gato escribe poemas, os dous pasean xuntos mentres os outros personaxes condenan o amor imposible. A obra achega os máis pequenos á natureza e á importancia da amizade e da tolerancia.
José Prieto é o responsable da dirección artística deste espectáculo, que conta coa interpretación de Carlos Mosquera "Mos", Celia González, Mundo Villalustre, Marián Rei e María Veiga, así como a voz en off de Celso Parada. A escenografía e o vestiario están deseñados por Carlos Alonso e a iluminación asínaa Nacho Martín.
As compañías Fantoches Baj e Teatro do Noroeste serán as encargadas de pechar a Mostra de Teatro Infantil de Nadal coas pezas Fábula Galénica (xoves 29) e Piratas (venres 30), respectivamente.
Todas as funcións dan comezo ás 19.00 horas. As localidades para asistir ás representacións xa poden adquirirse na billeteira electrónica da web www.entradas.novagaliciabanco.es, no teléfono 902 43 44 43 ou no despacho de billetes do Salón Teatro que permanecerá aberto todos os días da Mostra desde as 17.00 horas. O prezo das localidades é de 6 euros. Tamén está dispoñible (só na billeteira) un bono de seis entradas por 30 euros.