[23/12/2011] O Salón Teatro de Santiago despide a súa programación de 2011 cunha nova edición da Mostra de Teatro Infantil de Nadal, que ofrecerá do 26 ao 30 de decembro cinco espectáculos de teatro de actor, clown e monicreques, especialmente pensados para os espectadores máis pequenos. Organizada polo Centro Dramático Galego (CDG) desde o ano 2000 e sempre nas mesmas datas, nesta undécima edición participan os grupos galegos Teatro del Andamio, coa montaxe Area e Auga; Artello Teatro alla Scala 1:5, con Cinderela Mix; Teatro do Morcego, con O Gato Manchado e a Andoriña Siñá; Fantoches Baj, con Fábula Galénica; e Teatro do Noroeste, con Piratas.
A directora do CDG, Blanca Cendán, acompañada por Álvaro Guevara (director de Teatro del Andamio), Santiago Montenegro (Artello Teatro), Inacio (Fantoches Baj) e Eduardo Alonso (Teatro do Noroeste), presentaron hoxe aos medios as funcións que se desenvolverán cada día ás 19.00 horas. As entradas para asistir aos diferentes espectáculos poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro, que permanecerá aberto os días da mostra desde as 17.00 horas. Ademais, poden adquirirse por anticipado na billeteira electrónica da web www.novagaliciabanco.es e no teléfono 902 43 44 43. O prezo das localidades é de 6 euros. Tamén está dispoñible na billeteira un bono de seis entradas a un prezo de 30 euros.
Aprendendo valores
A compañía Teatro del Andamio iniciará esta programación o luns 26 con Area e Auga. Dirixida a nenos e nenas con idades comprendidas entre os 3 e os 10 anos, trátase dunha proposta cómica sobre o valor de vencer o medo ás situacións novas e descoñecidas que enfrontamos a diario. A obra conta a historia de catro persoas que viven a cada lado dunha parede. Séntense felices cada un no seu mundo. Coñecen o que pasa e están afeitos a vivir así. Ata que o descubrimento da existencia dos seus veciños cambia o rumbo das súas vidas.
Ao día seguinte, martes 27, Artello Teatro Alla Scala 1:5 presentará a montaxe Cinderela Mix, coa que a compañía de Santiago Montenegro e Rosa Hurtado leva a escena un dos contos máis coñecidos e versionados a nivel internacional. Neste caso, fusiónanse tres miradas diferentes sobre a Cincenta nunha montaxe pensada para rapaces maiores de 4 anos. Son as miradas de tres chaíñas que converxen accidentalmente. A partir dos pequenos conflitos da súa vida cotiá, vense engaiolados por unha historia que os leva a xogar, a mesturar, a enredar e a compartir.
Teatro do Morcego escenificará o mércores 28 O Gato Manchado e a Andoriña Siñá, a súa última produción, arredor das andainas dun gato que namora dunha andoriña causando estrañeza no resto dos animais do parque. A Andoriña está prometida co Ruixeñor pero, ao mesmo tempo, incentiva o amor do Gato. Suceden envurullos, o Gato escribe poemas, os dous pasean xuntos mentres os outros personaxes condenan o amor imposible. Baseada no popular conto do brasileiro Jorge Amado O Gato Malhado e Andorinha Sinhá e especialmente dirixida a nenos a partir dos seis anos e a público familiar, esta peza achega os máis pequenos á natureza e á importancia da amizade e da tolerancia.
Monicreques de luvas
Os monicreques de luvas chegarán á mostra o xoves 29 da man de Fantoches Baj e a súa Fábula Galénica, espectáculo realizado a partir do texto do mesmo nome co que Inacio Vilariño foi galardoado en 2010 co VIII Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques na modalidade infantil. Nel réndese homenaxe ás narracións tradicionais, ás radios de galena e á ciencia farmacéutica. A fábula conta a historia do rei Don Cardo, quen decide construír un castelo que acaba cos recursos naturais e económicos do lugar. Este feito provocará a reacción dos animais que viven nos seus dominios.
Teatro do Noroeste será a compañía encargada de pechar a Mostra de Teatro Infantil de Nadal o venres 30 con Piratas, unha divertida montaxe -recomendada para todos os públicos, pero en particular para rapaces de 6 a 12 anos- que narra as aventuras dun particular barco pirata. Un trebón papou o bergantín Princesa dos Mares, un dos máis temidos barcos piratas de todos os océanos. Algúns membros da súa perigosa tripulación conseguiron sobrevivir nunha balsa, agora é a balsa pirata Raíña da Escuma. O terrible pirata Patachula dirixe unha tripulación que encherá de aventuras os mares do Sur, realizando conquistas, como a da famosa Illa da Flor Nacente, e conseguindo descubrir onde está agochado o tesouro do pirata Bocanegra.