[20/12/2011] Máis de 230 alumnos de conservatorios e escolas de danza de toda Galicia participarán o vindeiro xoves 22 nas audicións que o Centro Coreográfico Galego (CCG) organiza na súa sede da Coruña como fase previa á produción en 2012 do ballet O Quebranoces. Os estudantes seleccionados nestas probas, dirixidas a rapazas e rapaces a partir de 9 anos de idade, terán a oportunidade de actuar xunto co elenco profesional da unidade de danza da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) nas diferentes funcións que se ofrezan desta montaxe.
A directora do Centro Coreográfico, Mercedes Suárez, e as súa profesoras de danza serán as encargadas de valorar o desenvolvemento artístico e técnico, así como a memoria coreográfica dos alumnos, aos que proporán diferentes exercicios relacionados coa execución deste famoso ballet, composto a finais do século XIX por Piotr I. Chaikovski a partir da adaptación do conto O Quebranoces e o rei dos ratos que asinara Alexandre Dumas.
Colaboración co ámbito do ensino
Convocadas en colaboración cos centros formativos, estas audicións permitirán obter unha clasificación previa dos participantes en función dos seu niveis, idades e procedencias, de xeito que en cada nova posta en escena do espectáculo se incorporen prioritariamente os seleccionados que cursen estudos nas escolas e conservatorios máis próximos á localidade onde se desenvolva a función. Os estudantes subirán ao escenario como parte do amplo elenco deste clásico, universalmente coñecido como unha das obras a través das que achegar o ballet aos máis pequenos.
O proxecto para a posta en escena de O Quebranoces conxuga dúas das prioridades coas que Mercedes Suárez asumiu a dirección do Centro Coreográfico Galego: dunha banda, abrir a actividade do CCG a todos os estilos, incluído o ballet clásico; e doutra, impulsar unha liña de colaboración directa coas escolas galegas de danza co obxectivo de reforzar e incentivar a formación neste ámbito artístico. Neste sentido, búscase ofrecer novos alicientes tanto aos alumnos, como ao profesorado que traballa con eles no día a día, a través da súan implicación directa no desenvolvemento dunha montaxe coreográfica a nivel profesional.