Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

REALIZADA EN COPRODUCIÓN CO CENTRO DRAMÁTICO DE ARAGÓN, ACADOU O PREMIO MAX 2010 AO MELLOR ESPECTÁCULO DE TEATRO MUSICAL

A compañía aragonesa El Gato Negro ofrece no Salón Teatro dúas funcións da montaxe "Cabaré de caricia y puntapié"

[14/12/2011] O Salón Teatro de Santiago acolle mañá xoves 15 e o venres 16 ás 20.30 horas a posta en escena de Cabaré de caricia y puntapié, unha montaxe da compañía El Gato Negro en coprodución co Centro Dramático de Aragón (CDA), que poderá verse no espazo escénico que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG) dentro dun acordo de colaboración que manteñen as dúas compañías públicas. Dirixido por Alberto Castrillo-Ferrer e interpretado por Carmen Barrantes e Jorge Usón, a obra chega a Galicia tras a súa representación en diversas cidades españolas, así como en Bos Aires, e despois de acadar en 2010 o Premio Max ao mellor espectáculo de teatro musical.

Rolda de prensa de "Cabaré de caricia e puntapié"

A directora do CDG, Blanca Cendán, e o director do CDA, Antonio González, compartiron hoxe a presentación aos medios de Cabaré de caricia y puntapié, nun acto no que tamén participaron o director escénico e os dous intérpretes da montaxe.

Estreada en Huesca en 2008, trátase dunha proposta escénica e musical que, en forma de fábula coral, percorre o París dos anos corenta a través do humor que desprenden as cancións de Boris Vian, artista de culto en Francia pero apenas coñecido en España. Home polifacético, que foi músico, compositor, enxeñeiro, escritor ou dramaturgo, pero que ante todo exerceu o papel de axitador cultural e social, caracterizouse por ser sempre un autor polémico e crítico coa súa época, aínda que a súa vida se truncou prematuramente á idade de corenta anos.

A partir das súas cancións
Para crear a peza, El Gato Negro tomou como referencia a parte máis trepidante das cancións compostas por Boris Vian. Sen perder a ironía e a cáustica da súa obra, son tamén o apartado menos surrealista da produción desta figura imprescindible da bohemia parisiense do século XX, quen, a partir de pequenas historias cotiás, esboza mundos de grande intensidade abordando con moito humor cuestións universais e imperecedoiras como o amor, a violencia, o materialismo, o antimilitarismo ou o desamor.

Cabaré de caricia y puntapié transcorre ao longo de dez cancións que foron elixidas pola súa forza, a súa comicidade e a súa mensaxe, unhas veces crítica e sempre contraditoria. Tanto a temática como os estilos musicais son variados, e van dende un tango ata un cha-cha-chá pasando polo rock and roll ou o jazz.

Os actores-cantantes, Carmen Barrantes no papel de Doris e Jorge Usón no de Boris, encárganse de levalas a escena creando un desfile de case 30 personaxes que enchen este cabaré, como dous carniceiros de barrio que cantan un tango, un masoquista con gustos extravagantes, un 'snob' orgulloso de selo, ou unha cabareteira que desaconsella o matrimonio, entre outros. Cada canción está envolvida polo seu propio universo e da man destes peculiares mestres de cerimonias sáltase dun universo a outro.

A compañía
Desde a súa creación en 1999, El Gato Negro realizou unha vintena de espectáculos de diferente formato, dende performances a teatro de rúa e teatro de sala, aínda que non é ata o ano 2002, con Ildebrando Biribó o un soplo al alma, que comeza unha firme andaina profesional. En 2004 obtén o premio Jóvenes Creadores de la Comunidad de Madrid por unha versión de Peer Gynt de Ibsen, Un tal Pedro, escrita por Íñigo Ramírez de Haro. Na actualidade, á parte de Ildebrando e deste Cabaré de Caricia y Puntapié, posúe outros dous espectáculos en xira: El Misántropo (en coprodución co Teatro da Abadía de Madrid e Yster Teatro Antzerki de Donostia) e Ser o no ser, con dirección de Luca Franceschi.

As localidades para asistir ás dúas funcións de Cabaré de caricia y puntapié xa están á venda a través da billeteira electrónica da páxina web entradas.novagaliciabanco.es e do teléfono 902 43 44 43. Poden adquirirse, asemade, no despacho de billetes do Salón Teatro, que permanecerá aberto dende dúas horas antes do comezo de cada representación. O seu prezo é de 10 euros, con descontos do 40 por cento para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven, desempregados e determinados colectivos profesionais.

Documentación
Ligazóns