Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A CONVOCATORIA DO IGAEM BENEFICIARÁ A EMPRESAS, ESPAZOS DE PROGRAMACIÓN, ASOCIACIÓNS E PARTICULARES

Cultura destina máis dun millón e medio de euros a seis liñas de axuda para o fomento do sector escénico galego

[16/01/2007] A Consellería de Cultura e Deporte, a través do IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais), destinará este ano un importe global de 1.569.800 € a seis liñas de axuda dirixidas ao fomento e promoción do sector escénico galego. Os grandes apartados que centran este apoio económico son a produción de montaxes teatrais e coreográficas, a distribución e promoción de espectáculos de teatro e danza, a difusión de traballos discográficos, a dotación técnica dos espazos da Rede Galega de Teatros e Auditorios, a programación de salas privadas de teatro, así como as actividades asociativa, de estudo e de investigación que teñan por obxecto este ámbito artístico.

O programa completo de axudas foi presentado hoxe pola conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, mailo xerente do IGAEM, Miguel Martín, nun acto no que participou tamén o director xeral de Xuventude e Solidariedade, Rubén Cela, xa que este departamento da Vicepresidencia da Xunta de Galicia asume a metade da dotación de 60.000 euros destinada á modalidade de producións de nova creación.

O orzamento total disposto supón un importante aumento inversor nalgúns apartados respecto á anterior, como é o caso do da produción de espectáculos, que se incrementa un 22% ao pasar dos 785.000 € de 2006 aos 960.000 € actuais (dos que 780.000 resérvanse ás producións de teatro de actor e de monicreques, 120.000 ás de danza, e 60.000 € ao apartado de "nova creación escénica" dirixido a empresas cunha traxectoria non superior aos 3 anos, que propoñan espectáculos con dirección novel e nos que, cando menos, un 50% do elenco artístico e técnico estea integrado por menores de 35 anos.

PROCURA DE ESTABILIDADE

As axudas 2006 incorporan así mesmo fórmulas inéditas que procuran a estabilidade e fortalecemento das empresas do sector, como son as posibilidades de adxudicar subvencións bianuais ou de concorrer ás mesmas mediante proxectos participados por máis dunha empresa. O primeiro caso supón a superación da axuda puntual á produción, para abranguer o máis amplo temporalmente de axuda á actividade escénica e contribuír así ao asentamento do tecido produtivo. Pola figura dos proxectos conxuntos promóvese a cooperación entre dúas empresas (mediante un contrato privado ou unha unión temporal de emporesas) para a abordaxe conxunta de proxectos de produción e distribución de difícil asunción unilateral.

Outra das novidades neste sentido é a incorporación dos indicadores de niveis de asistencia e de avaliación da satisfacción do público como criterios de baremación das solicitudes de subvención, o que supón a introdución por vez primeira da información sobre a resposta dos espectadores como elemento de avaliación dos proxectos.

APOIO Á DIFUSIÓN DISCOGRÁFICA

Na presente convocatoria configúranse definitivamente as axudas á distribución, que contan cun investimento de 215.000 €, como medida de fomento da proxección exterior da nosa produción escénica e musical, cunha aposta pola súa presenza fóra de Galicia e a súa participación nas principais feiras e plataformas de exhibición. Nesta mesma categoría faise fincapé na difusión da música a través da inclusión, por vez primeira na traxectoria do IGAEM, dun apartado de apoio específico á promoción de traballos editados durante 2007 e segundo semestre de 2006, do que serán beneficiarios as empresas discográficas.

Canto ás subvencións destinadas aos espazos escénicos, mantense a liña de apoio económico á programación de salas de teatro e de artes escénicas de titularidade privada, para a que se destinan 120.000 €, aos que se suman outros 120.000 € dirixidos a entidades públicas e locais integrados na Rede Galega de Teatros e Auditorios que precisen acometer melloras técnicas nos espazos dos que son titulares.

Para o labor que, en relación coas artes escénicas e musicais, desenvolven as asociacións, contémplanse 90.000 €; en tanto que 64.000 € destínanse a estudos e investigacións. Dentro deste último apartado figuran as novas "residencias de danza", que se traducen en bolsas (cun importe de até 3.000 € cada unha) para o desenvolvemento de proxectos de formación, creación ou investigación no Centro Coreográfico Galego por parte de profesionais da danza durante cinco semanas ao longo dos meses de maio, xuño, setembro, outubro e novembro.

Desaparecen do ámbito competencial do IGAEM as axudas á actividade universitaria e non profesional, que pasan a xestionarse desde a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural.

Documentación