[13/12/2011] O trío Vaamonde, Lamas & Romero presentou hoxe en Santiago o concerto sobre o seu último traballo discográfico, O tambor de prata, como un "espectáculo total", xa que ademais da música están presentes outros elementos interpretativos e escenográficos que fan que cada actuación sexa un "divertimento no escenario". Os tres instrumentistas protagonizaron este mediodía un adianto da actuación que terá lugar esta noite no Salón Teatro ás 21:00 horas, coa que se pecha ademais o ciclo promocional "ST Música Presente" organizado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Turismo.
No acto de presentación participaron tamén Juan Carlos F. Fasero, director da Agadic; e Fernando Luaces, director de Fol Música, o selo galego que editou o disco. Fasero explicou que o grupo foi seleccionado polo programa "ST Música Presente" para amosar a súa nova proposta musical dentro deste ciclo de recitais, deseñado co obxectivo de facilitar a promoción de novos traballos discográficos galegos a través de actuacións en vivo dirixidas preferentemente a un público especializado, pero abertas tamén a todos os espectadores.
Formato peculiar
Suso Vaamonde e Xosé Lois Romero explicaron que o proxecto estritamente musical transfórmase nos seus directos para, botando man do humor e da retranca galega, ofrecer un espectáculo no que se coidan ao máximo todos os xestos de comunicación co público. Así, os músicos adoptan distintos roles interpretativos e aparecen caracterizados cun vestiario de época, ademais de recurrir ao uso cómico de perrucas e outros obxectos de atrezzo. "É un formato peculiar, para pasalo ben nós e facelo pasar ben á xente que nos vén a ver", abondou Romero.
En O tambor de prata. Aventuras e desventuras de Os Trintas de Trives, ofrécese un repertorio composto por 10 temas da devandita formación musical ourensá, aínda que todos eles arranxados ou versionados para esta nova gravación. As cancións son orixinais do compositor Ricardo Courtier, o director da banda que entre os anos 1894 e 1920 representou o postmodernismo da música popular en Galicia, triunfando en Galicia e en América cunha música e unha indumentaria totalmente orixinais.
Suso Vaamonde (gaita, pandeireta, pandeireta neoclásica, triángulo, rebarbadora e voz), Pedro Lamas (saxo soprano e voz) e Xosé Lois Romero (acordeón, tarrañolas e voz) amosan en O Tambor de Prata a súa particular visión cómica e sen prexuízos dos Trintas, grupo co que manifestaron sentirse moi identificados polo son moderno e vangardistas das súas melodías.
O disco, que toma o título do agasallo que -contan- Alfonso XIII entregou ao cuarteto de Trives pola súa participación na cerimonia de coroación, é un ambicioso proxecto editado por Fol Música que xa está dispoñible nas tendas de toda España. Está composto por un CD con 10 temas (Polca do 29, Os Trintas, Cantos asturianos, El Club, Blanca o Negra, Canto de Seitura de Trives, A Desperniquebradeira, La alegría de la huerta, Pasodobre dos Trabazos e Villoria) e un DVD que recolle o concerto coa Banda Municipal da Coruña celebrado no Pazo da Ópera da cidade herculina o 17 abril de 2011.
As entradas para asistir a este concerto están á venda a través da billeteira electrónica da páxina web entradas.novagaliciabanco.es e do teléfono 902 43 44 43 a un prezo especial único de 5 euros. No despacho de billetes do Salón Teatro poderán adquirirse a partir das 19.00 horas.